A Xunta recibe as primeiras solicitudes de axuda para a reconstrución das vivendas afectadas polos lumes

As primeiras peticións recibíronse de afectados dos concellos de Quiroga, Cualedro, Petín e Vilamartín de Valdeorras, e nun dos casos trátase de vivenda habitual

Os datos recollidos ata agora nas oficinas de asesoramento habilitadas pola Xunta refiren 25 vivendas afectadas nos catro concellos visitados hoxe pola conselleira, das que 5 son residencia habitual

Allegue reuniuse con alcaldes e con propietarios, aos que trasladou que a Xunta abordará as solicitudes coa máxima axilidade “para que poidan recuperar canto antes as súas casas”

A conselleira visitará nos vindeiros días o resto dos concellos afectados para informar das axudas habilitadas polo Goberno galego para rehabilitación de vivendas 

Monterrei (Ourense), 3 de setembro de 2025

A Xunta vén de recibir as primeiras solicitudes de axuda para atender aos propietarios de vivendas afectadas polos lumes, en concreto por parte de afectados no concello lucense de Quiroga e os ourensáns de Cualedro, Petín e Vilamartín de Valdeorras. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe catro dos concellos ourensáns afectados polos incendios, nos que se reuniu con persoas afectadas e alcaldes e remarcou que a Xunta axilizará a tramitación destas axudas coa máxima celeridade “para que os propietarios poidan recuperar canto antes as súas casas”.

En concreto, Allegue visitou hoxe os concellos de Cualedro, Monterrei, Castrelo do Val e Riós, onde os datos recollidos ata hoxe nas oficinas de asesoramento habilitadas polo Goberno galego refiren que existen 25 vivendas afectadas, 5 delas residencias habituais. A maioría están situadas no concello de Monterrei (19 vivendas). .

Nos concellos visitados, a conselleira trasladou unha mensaxe de solidariedade aos afectados e avanzoulles que a Xunta axilizará todas as solicitudes de axuda para que, canto antes, poidan comezar a reconstrución das vivendas, e agradeceu a colaboración dos alcaldes.

Ademais, en Verín a conselleira visitou hoxe unha das 16 oficinas habilitadas pola Xunta para atender ás persoas afectadas polos incendios deste verán. Na citada oficina, técnicos da Consellería están a disposición dos damnificados para responder as súas dúbidas e axudar na tramitación das solicitudes. 

A conselleira visitará nos vindeiros días o resto dos concellos afectados para informar das axudas habilitadas polo Goberno galego para rehabilitación de vivendas.

Axudas

As contías das achegas aprobadas polo Goberno galego varían segundo se trate de vivenda habitual o de segunda residencia. No primeiro caso, a axuda pode acadar case 150.000€, xa que ao 132.000 euros para rehabilitación do inmoble poden engadirse 16.200 euros polo enxoval doméstico. 

Esta axuda pode servir tanto para rehabilitar o inmoble, como para adquirir un novo, no caso de que quedase en situación de ruína como consecuencia dos lumes. A acreditación do estado de ruína se realizará mediante un informe técnico que, se o propietario desexa, elaborará a Xunta. Nestes casos hai que sumar ademais axudas complementarias para o realoxo mentres se rehabilitan as vivendas danada. 

Así, a Administración autonómica asumirá tamén o 100% do alugueiro temporal, se é preciso e achegará ata 600€ máis para sufragar gastos de aloxamento provisional, transporte ou mudanza. E ademais, os afectados poderán percibir a contía total da axuda de xeito anticipado, unha vez resolta a súa concesión. Isto, como sinalou a conselleira, permitiralles dispoñer xa dos fondos “para acometer, o antes posible,  as obras de rehabilitación das vivendas”.

Cando se trate da segunda residencia, as axudas poden acadar ata 66.000 € para a rehabilitación ou a reconstrución da mesma. Ademais, os propietarios poderán recibir ata 5.400 € para mobles e utensilios domésticos. 

A documentación que deben presentar os afectados debe acreditar a titularidade da vivenda (padrón), o seu destino como vivenda habitual ou ocasional, se dispoñía de algún seguro e debe acompañar unha memoria técnica que valore os danos acusado e o custe da rehabilitación. Unha memoria da que tamén se pode facer cargo a Xunta,  se así o solicita o damnificado.

Todos os damnificados teñen a súa disposición o teléfono 012 e o persoal do IGVS, e tamén nas 16 oficinas despregadas nas zonas afectadas poden resolver todas as súas dúbidas.