A Xunta recibe 9 ofertas para a redacción do proxecto do inmoble para 50 aloxamentos compartidos para menores de 36 anos en Lugo

A Xunta licitou a redacción do proxecto deste edificio, que se situará nunha parcela da rúa Illa Coelleira, por un importe de 304.508€

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2025

A Xunta vén de recibir 9 ofertas para a redacción do proxecto e dirección de obra para o inmoble de aloxamentos temporais e compartidos para menores de 36 anos que se construirá en Lugo, o terceiro que a Administración autonómica pon en marcha en Galicia e no que se prevén 50 vivendas. A Xunta licitou a redacción do proxecto deste edificio, que se situará nunha parcela da rúa Illa Coelleira, por un importe de 304.508€.

O inmoble de aloxamentos incluirá espazos comúns, zonas para o teletraballo, aparcadoiro para coches e bicicletas e lavandería, e está destinado a mozos e mozas que precisen unha solución transitoria por estudios, contratos de doutoramento ou bolsas. Hai que lembrar que o Goberno galego xa ten 2 inmobles de aloxamentos compartidos en marcha, un en Santiago e outro en Vigo.

A parcela onde se situará este edificio, na rúa Illa Coelleira, é unha das seis acadadas pola Xunta tras unha permuta co Concello e nas que se prevé  un total de 137 vivendas de promoción pública. Así, está previsto construír outras 87 vivendas protexidas nas rúas Paradai de Arriba e Ángelo Colocci.

Por outra banda, no barrio de Garabolos estanse a executar 4 inmobles que suporán máis de 460 vivendas protexidas, e no centro histórico, na rúa Catedral 18 e 22, licitáronse as obras para rehabilitar 2 edificios no marco do programa Rexurbe, para 2 fogares.

Ademais, a Xunta ten marcha o concurso de ideas para a rehabilitación do Pazo de Dona Urraca e todo o ámbito do UI-8 da Tinería, promovendo a revitalización integral do casco histórico. No marco deste concurso, presentáronse 17 propostas, que serán avaliadas polo xurado constituído.