A Xunta recibe 60 solicitudes de concellos para rehabilitar inmobles de titularidade municipal e destinalos a vivendas de alugueiro accesible

Allegue explicou que o fogar entregado en Riós é froito da adquisición dun inmoble por parte do Concello, cunha axuda do Fondo de Cooperación da Xunta, e a súa rehabilitación a través doutra subvención do programa para vivendas municipais

Esta vivenda entregada hoxe a unha familia en San Cristovo foi acondicionada e agora conta con cociña, baño, salón e tres dormitorios

Estas axudas para concellos de menos de 30.000 habitantes xa foron solicitadas dende xaneiro por 42 municipios co fin de acadar 82 vivendas tras a súa rehabilitación

Ourense é a provincia que máis solicitudes rexistrou, con 27 presentadas desde que se abriu o prazo en xaneiro

A Xunta incrementou nun 30% a contía das axudas, podendo chegar ata 65.000€; ou 68.000€ no caso de ARIs dos Camiños de Santiago ou da Ribeira Sacra

A conselleira remarcou que estas achegas autonómicas, ademais de acadar novos fogares, contribúen a fixar poboación, especialmente no rural

Riós (Ourense), 18 de febreiro de 2026

A Xunta recibe 60 solicitudes de  concellos para rehabilitar inmobles de titularidade municipal e destinalos a vivendas de alugueiro accesible.  Así o detallou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que participou na entrega dunha vivenda en Riós, recuperada ao abeiro destas achegas.

Allegue explicou que este fogar entregado hoxe a unha familia deste municipio ourensán foi posible mediante dúas axudas autonómicas. Primeiro, o Concello de Riós adquiriu un inmoble grazas a un préstamo do Fondo de Cooperación da Xunta; e logo procedeu á súa reforma con outra axuda do programa para vivendas de titularidade municipal, que cubre ata o 95% da actuación.

A conselleira puido visitar esta vivenda situada no núcleo de San Cristovo e coñecer á familia que residirá neste fogar. O inmoble foi acondicionado e agora conta con cociña, baño, salón e tres dormitorios.

Cómpre lembrar que estas axudas para concellos de menos de 30.000 habitantes xa foron solicitadas dende xaneiro e ata o momento por 42 municipios co fin de acadar 82 vivendas tras a súa rehabilitación.

Destacou que a provincia de Ourense é a que máis peticións destas subvencións realizou, sumando 27 peticións presentadas desde que se abriu o prazo o mes pasado.

Salientou que este ano a Xunta incrementou nun 30% a contía destas axudas, cun investimento de 2,1M€. Neste sentido, as subvencións poden chegar ata 65.000€ en xeral e ata 68.000 € en caso der ser ARIs dos Camiños de Santiago ou da Ribeira Sacra.

Remarcou o dobre obxectivo destas achegas, que ademais de acadar novos fogares, contribúen a fixar poboación, especialmente nos municipios do rural.

Agradeceu ao Concello de Riós a súa colaboración e subliñou a importancia da cooperación entre administracións para seguir sumando esforzos para favorecer o acceso da cidadanía á vivenda.