A Xunta recibe 26 ofertas para a redacción do proxecto para construír 145 vivendas públicas en Garabolos

A Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) licitou a redacción do proxecto e dirección de obra cun orzamento de 1M€  

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2025

A Xunta vén de recibir 26 ofertas de empresas para a redacción do proxecto e a dirección de obra para construír 145 novas vivendas de promoción pública na parcela B2 en Garabolos, no concello de Lugo. A Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) licitou este contrato por 1 M€.

As 145 vivendas sitúanse na parcela B2 de Garabolos, (rúa Paulo Fabio Máximo), que conta cunha superficie de 2.421 m2, e cuxas obras de urbanización foron tamén levadas a cabo pola Xunta.

Esta promoción de vivendas únese a outras tres que ten en marcha a Xunta neste barrio da cidade. Así, a Administración autonómica ten licitado as obras de construción de dous bloques de promoción pública de 70 e 76 vivendas, por máis de 28 M€. E tamén licitou por 1,1M€ a redacción do proxecto para construír outras 169 vivendas públicas na parcela A. Neste caso, as empresas poden presentar ofertas ata o 1 de abril.

A Xunta ten o reto de duplicar nesta lexislatura o parque público residencial para chegar ás 8.000 vivendas. Desde a Sociedade de Vivenda Pública de Galicia vanse promover 2.350 vivendas públicas ata o 2028, para conxuntamente coas impulsadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) chegar a esa cifra.