A Xunta recibe 24 ofertas para executar as obras de construción de 146 vivendas de promoción pública en Garabolos, en Lugo, que suporán un investimento de 28,2 M€

Trátase da contratación da execución de dous novos edificios, de 70 e 76 vivendas, respectivamente, que se desenvolverán na avenida Paulo Fabio Máximo

A Xunta financia as obras maioritariamente con fondos propios, correspondendo o resto aos fondos da Unión Europea

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas recibiu un total de 24 ofertas de empresas para executar as obras de construción de 146 vivendas de promoción pública en Garabolos, en Lugo, que suporán un investimento total de 28,2M€.

Trátase de impulsar a construción de dúas edificacións de nova planta na avenida Paulo Fabio Máximo, en Garabolos, unha para dedicala a 70 VPP, na Parcela B3; e outra de 76 vivendas na parcela C1.

En concreto, presentáronse 13 ofertas para a construción dun edificio que albergará 76 vivendas de promoción pública na parcela C1, cuxo importe rolda os 14,9M€.

Por outra parte, presentáronse 11 ofertas para executar as obras doutro edificio de 70 novas vivendas, a desenvolver na parcela que ocupa a parcela B3, por un investimento que supera os 13,3M€.

Estas novas edificacións, ademais de facilitar o acceso á vivenda, teñen en conta os estándares sobre a mellora da eficiencia enerxética.

O Goberno galego financia as obras maioritariamente con fondos propios, correspondendo o resto aos fondos da Unión Europea (Plan de recuperación, transformación e resiliencia). A Administración autonómica tamén financia con fondos propios a redacción destes proxectos así e o resto de traballos técnicos; así como o custe das parcela na que se edifican, que foi urbanizada pola Xunta. En conxunto, a Xunta asume o 74% do financiamento do conxunto das obras.