A Xunta recibe 18 ofertas para a execución das obras de 24 novas vivendas de promoción pública no barrio do Bertón de Ferrol
As obras de construción do edificio saíron a licitación por importe de 6,4M€
O inmoble a construír, de tres plantas de altura, contará con vivendas de 2 dormitorios, 3 e 4 dormitorios
A Xunta xa ten máis de 2.000 vivendas de promoción pública, en distintas fases de tramitación e execución
Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas recibiu 18 ofertas para a execución das obras dun inmoble de 24 novas vivendas de promoción pública (VPP) no cuarteirón 2 do barrio ferrolán do Bertón.
O contrato, que se licitou por importe de 6,4M€ (6.437.214€), permitirá e execución dun edificio de dúas plantas de soto, planta baixa e tres alturas que se desenvolverá na rúa As Constituíntes, e ademais das 24 vpp (8 por planta) contará con 70 prazas de garaxe e 24 rochos. 9 das vivendas serán de 2 dormitorios, 12 de 3 dormitorios e 3 de 4 dormitorios e as superficies útiles serán de entre 65 e 90m².
Neste conxunto está incluído, ademais, que 1 vivenda e 1 praza de garaxe sexan adaptadas a persoas con mobilidade reducida.
A Xunta financia as obras nun 73% con fondos propios, e o resto corresponde aos fondos da Unión Europea (Plan de recuperación, transformación e resiliencia). A Administración autonómica tamén financia con fondos propios a redacción do proxecto e o resto de traballos técnicos, así como o custo da parcela en que se edifican, que foi urbanizada pola Xunta.
A Xunta segue desenvolvendo a construción de vivenda de promoción pública nas grandes cidades e na súa área de influencia, e ten xa en marcha na comunidade máis de 2.000 vivendas de promoción pública, en distintas fases de tramitación e execución, co obxectivo de acadar as 8.000 nesta lexislatura. Isto, ao tempo que se desprega a primeira fase de execución da Estratexia galega de solo residencial, que prevé desenvolver solo para 20.000 vivendas protexidas e 5.000 libres.