A Xunta recibe 17 ofertas para a redacción do proxecto do inmoble de aloxamentos compartidos e temporais para a mocidade en Vigo

O inmoble, que albergará 80 aloxamentos, é unha das medidas da Xunta para garantir que a mocidade poida comezar a súa vida adulta nun fogar digno, de calidade e a prezos accesibles ás súas posibilidades

O inmoble disporá dunha sala para estudio ou traballo, unha zona de usos múltiples, lavandería e garaxes

A Xunta ten xa en marcha 936 vivendas de promoción pública en San Paio de Navia

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2025

A Xunta recibiu un total de 17 ofertas para a redacción do proxecto e da dirección de obra para a construción en Vigo dun edificio de aloxamentos compartidos e temporais en alugueiro accesible, destinado á mozos e mozas menores de 36 anos. Este contrato licitouse por un orzamento que rolda os 445.000 euros

O inmoble, que  albergará 80 aloxamentos, situarase na parcela M-V-6 de San Paio de Navia, e contará tamén cunha sala para estudio ou teletraballo e unha zona de usos múltiples para reunións ou actividades diversas como ximnasio ou a celebración de eventos. Tamén estará dotado dun espazo de lavandería e garaxes.

Os mozos e mozas menores de 36 anos disporán dun prazo de permanencia de ata tres anos. O Goberno galego busca con estes aloxamentos dar facilidades ás necesidades de emancipación da xente moza que accede ao seu primeiro traballo ou están a percibir becas de formación ou de investigación

Este inmoble de aloxamentos compartidos é o segundo que a Xunta impulsa en Galicia, como solución habitacional transitoria para mozos e mozas. O primeiro, pendente de adxudicación do proxecto e dirección e obra, está situado en Santiago, en Xoán XXII, e disporá de 60 prazas. Ademais, o Consello da Xunta deu luz verde neste mes de maio á licitación da redacción do proxecto para habilitar 50 aloxamentos compartidos en Lugo, por importe de preto de 305.000€.

Con estas vivendas, a Xunta ten en marcha xa un total de 936 en San Paio de Navia, das que 201 están xa en construción. O Goberno galego leva investido 132M€ neste barrio vigués, dos que 15,6M€ son fondos europeos.