A Xunta recibe 17 ofertas para a redacción do proxecto de 21 vivendas públicas en Bueu
A Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) promoverá estas vivendas, que suporán un investimento aproximado de 4M€, e construiranse en tres parcelas que o Concello cedeu nas Lagoas
Incluído Bueu, son 14 os municipios galegos que xa cederon parcelas á Xunta para construír novos fogares
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2026
A Xunta recibiu un total de 17 ofertas de empresas para a redacción do proxecto e dirección de obra das 21 novas vivendas públicas que se construirán nas Lagoas, en Bueu, en tres parcelas cedidas polo Concello.
A Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) construirá estes novos fogares públicos, nos que se prevé un investimento de 4M€ nas obras. A Xunta licitou en decembro a redacción do proxecto, na mesma xornada na que se asinou co concello a cesión do solo.
A previsión é que estes novos fogares poidan ser realidade en 2028. Bueu é un dos 14 municipios galegos que xa cederon parcelas á Xunta para a construción de vivenda pública ao longo desta lexislatura.
A Xunta avanza no compromiso de alcanzar as 4.000 novas vivendas públicas no 2028 e ten xa en diferentes fases de execución máis de 3.000. Neste 2026 impulsará a posta de marcha de 1.000 máis. Ademais de construír vivenda pública, a Administración autonómica incentiva a construción de vivenda protexida por parte de promotores e cooperativas.
Do total das 4.000 novas vivendas públicas, ao menos o 40% dos fogares que se poñan en alugueiro e ao menos do 25% dos que se poñan á venda estarán destinados a menores de 36 anos, para facilitar o acceso da mocidade á vivenda.