A Xunta recibe 17 ofertas para a construción de 24 vivendas de promoción pública no polígono do Bertón, en Ferrol, por un investimento de máis de 6,6 M€
Trátase de executar unha edificación de nova planta para estas novas vivendas, con prazas de garaxe, 24 rochos e 3 locais, que se desenvolverá nunha das parcelas situada na rúa As Constituíntes
O conxunto da nova edificación constará de dúas plantas de soto, planta baixa para soportais, 4 portais, e tres plantas altas para uso de vivenda, 8 por planta
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas segue a avanzar na aposta pola vivenda de promoción pública neste barrio da cidade, que permite ter xa en marcha 363 novas vivendas na cidade
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas recibiu 17 ofertas para executar as obras de construción de 24 vivendas de promoción pública (VPP) no Bertón, no concello de Ferrol, que suporán un investimento de máis de 6,6 M€.
Trátase de impulsar a construción dunha edificación de nova planta para dedicala a 24 vivendas de promoción pública, con prazas de garaxe (1 delas accesible), 24 rochos e 3 locais, a desenvolver na parcela 1, rúa As Constituíntes.
A parcela na que se situará esta nova edificación ten unha superficie de 1.348 m2, con forma irregular e fronte principal duns 72 metros cara a rúa As Constituíntes. Linda ao norte e ao leste coa rúa As Constituíntes, ao sur cun viario peonil e ao oeste con fincas privadas. O ámbito está totalmente urbanizado e ten topografía practicamente plana na súa dimensión lonxitudinal.
O proxecto obxecto deste contrato ten como finalidade a construción dunha nova edificación que consta de dúas plantas de soto para prazas de garaxe, 24 rochos e cuartos de instalacións; planta baixa para soportais, 4 portais, cuartos de instalacións e servizos, 3 locais comerciais e patio.
O edificio disporá de tres plantas altas para uso de vivenda, sumando 8 vivendas por planta. O acceso aos portais sitúase na fachada leste, desde a rúa As Constituíntes. A través de cada un dos catro portais accédese ás vivendas (2 por planta).
Neste conxunto, está proxectado ademais, que 1 vivenda e 1 praza de garaxe sexan adaptadas a persoas con mobilidade reducida.
A Xunta de Galicia financia as obras nun 81,9% con fondos propios, correspondendo o resto aos fondos da Unión Europea (Plan de recuperación, transformación e resiliencia). A Administración autonómica tamén financia con fondos propios a redacción de proxecto e o resto de traballos técnicos, preto de 207.000 euros; así como o custe da parcela na que se edifican, que foi urbanizada pola Xunta.
A Xunta segue a avanzar na aposta pola vivenda de promoción pública neste barrio da cidade, que permite ter en marcha xa 363 novas vivendas en Ferrol, en distintas fases de desenvolvemento.