A Xunta recibe 14 ofertas para a redacción do proxecto para construír 78 vivendas de promoción pública en Agriños, no Concello de Ames
Das 14 ofertas presentadas a este contrato, licitado por 662.274 euros, 5 delas están conformadas por UTE, sumando un total de 19 empresas
Trátase da redacción de proxecto e dirección de obra para estas vivendas, que se construirán na parcela 1(S-15) da rúa Agriños cedida polo Concello, e cuxa execución suporá un investimento de máis de 14,8 M€
O departamento que dirixe María M. Allegue, mantén o ritmo de traballo no obxectivo de chegar ás 4.000 novas vivendas protexidas nesta lexislatura, tendo xa en marcha neste momento, máis de 2.800 vivendas en distintas fases de execución
Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), recibiu un total de 14 ofertas para levar a cabo a redacción do proxectos básico e de execución e dirección de obra para a construción de 78 vivendas de promoción pública en solo cedido polo Concello de Ames, na zona de Agriños
Das 14 ofertas presentadas a este contrato, licitado por un importe de 662.274 euros, 5 delas están conformadas por UTE, sumando un total de 19 empresas.
Trátase de construír 78 vivendas protexidas, garaxes e rochos na parcela 1(S-15) da Rúa Agriños, que ten unha superficie de 1.725 metros cadrados, e foi cedida gratuitamente polo administración local.
O investimento estimado na execución das obras superará os 14,8 M€
O obxectivo do departamento que dirixe María M. Allegue é sumar 218 novas vivendas de promoción pública neste municipio coruñés, estas 78 na rúa de Agriños, e outras 140 vivendas protexidas en Galdrachán, tamén en solo cedido polo Concello.
En conxunto, Galicia ten en marcha máis de 2.800 vivendas públicas en diferentes fases de execución. O obxectivo marcado polo Goberno galego nesta lexislatura é pasar das 4.000 ás 8.000 vivendas de promoción pública.