A Xunta recibe 14 ofertas para a contratación das obras de construción de 64 vivendas de promoción pública na praza de Cambedo de Raia, en Ourense
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitou en agosto a obra por importe de máis de 13,1M€
A promoción proxectada está formada por catro bloques illados de baixo e tres alturas, cada un deles con 16 vivendas
O inmoble desenvolverase nunha agrupación de parcelas mercadas pola Xunta á Sareb
Santiago de Compostela 30 de setembro de 2024
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas recibiu un total de 14 ofertas para a contratación das obras de construción de 64 vivendas de promoción pública e os seus garaxes e rochos, nas parcelas 5, 6 e 7 da praza de Cambedo de Raia, no concello de Ourense.
O contrato foi licitado o pasado 8 de agosto, por un importe total de 13.174.599 euros, e cun prazo máximo de execución de 18 meses.
Por outra parte, tamén se recibiron seis ofertas para a contratación do servizo de dirección de execución da obra e sete ofertas para o servizo de coordinación de coordinación de seguridade e saúde. Estes servizos foron licitados o 12 de agosto por 155.841 e 34.584,47 euros respectivamente.
A promoción
A futura promoción obxecto deste contrato estará formada por 4 bloques illados, de planta baixa e 3 alturas, con aproveitamento baixo cuberta para rochos e instalacións. Contará ademais das 64 vivendas con 81 prazas de garaxe (3 delas accesibles) e 64 rochos.
Cada un dos bloques contará cun total de 16 vivendas, distribuídas en 4 por planta e terán 2, 3 e 4 dormitorios, cunha superficie útil media que oscila entre os 71m2 e os 99m2. Os bloques 1, 3 e 4 serán iguais entre si, mentres que o bloque 2 varía na planta baixa, para dar cabida a un local comunitario.
Os inmobles habilitaranse sobre unha parcela de algo máis de 3.000 m2 resultado da agrupación das parcelas 5, 6 e 7 da unidade de execución denominada polígono 1 do Sector Urbano SU-48 do PXOM. Estas parcelas foron previamente mercadas pola Xunta, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, á Sareb, por un importe de máis de 1 M€.
A superficie construída total acadará os 10.646 m2, e a superficie libre da parcela, de 1.204 m2, non ocupada polas edificacións, destinarase a xardíns e espazos libres de uso comunitario.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé que as obras, que financia nun 75,19 % con fondos propios, correspondendo un 24,81 % a fondos da Unión Europea (Plan de recuperación, transformación e resiliencia), estean rematadas no 2026.
A actuación cumpre o Real decreto 853/2021, de 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. En concreto teñen en conta as prescricións sobre eficiencia enerxética, consumo de enerxía non renovable, circularidade e xestión de residuos, que se reflicten no dito decreto.
Ademais dos proxectos cofinanciados con fondos MRR, o Goberno galego está a traballar en vivendas financiadas exclusivamente con fondos da comunidade autónoma, así como na adquisición de vivendas de promoción pública aos seus propietarios actuais e na compra de vivendas da Sareb.
Esta nova promoción inclúese no compromiso da Xunta de acadar as 8.000 vivendas públicas na presente lexislatura, construíndo novas vivendas nos sete grandes concellos e as súas áreas de influencia.