Escoitar
A Xunta recibe 13 ofertas para redactar o proxecto e construír 25 vivendas públicas en Noalla, en Sanxenxo, cun investimento autonómico de 7 M€
O prego de condicións inclúe o uso obrigatorio das técnicas industrializadas, primando o emprego da madeira, na construción do inmoble, un sistema polo que está apostando a Xunta ao axilizar tempos e axudar a paliar a falta de man de obra
Estas vivendas construiranse nunha parcela en Noalla, cedida de xeito gratuito polo Concello de Sanxenxo
O Concello de Sanxenxo prevé a cesión doutra parcela na rúa das Cunchas, onde se poderán construír 40 vivendas de promoción pública, que se destinarán ao alugueiro a menores de 36 anos
Santiago de Compostela, 1 de maio de 2026
A Xunta recibe 13 ofertas para redactar o proxecto e construír 25 vivendas públicas en Noalla, en Sanxenxo, cun investimento autonómico de 7M€.
Este contrato inclúe tanto a redacción do proxecto como o da dirección de obra e o da execución das obras destes novos fogares.
Cómpre lembrar que como novidade se contempla no prego de condicións o obrigatorio uso de técnicas industrializadas para a construción do inmoble, primando o uso da madeira.
A Xunta aposta por esta forma de construción que permite axilizar tempos e axuda ás empresas ante o problema de falta de man de obra. En concreto, neste caso, o uso das técnicas industrializadas supón o 25% da puntuación, ao que hai que sumar o 5% se a obra emprega madeira galega.
Estas vivendas construiranse nunha parcela cedida polo Concello de Sanxenxo de xeito gratuíto. Xa son 16 os municipios que xa cederon gratuitamente terreos para construír vivenda pública.
Ademais o Concello de Sanxenxo prevé a cesión doutra parcela na rúa das Cunchas, onde se poderán construír 40 vivendas de promoción pública, que se destinarán ao alugueiro a menores de 36 anos.