A Xunta recibe 13 ofertas para a recuperación de espazo para uso peonil no entorno da Igrexa de Santa María de Sacos, en Cerdedo-Cotobade
As intervencións teñen como obxectivo habilitar un espazo para uso da veciñanza no entorno da igrexa, aumentando o espazo peonil existente coa creación dunha plataforma única e mellorando a eficiencia enerxética coa substitución das luminarias actuais
As obras, licitadas por máis de 326.000 euros, enmárcase no Plan Hurbe e permitirán abarcar dous ámbitos de actuación: unha ampla zona aberta a carón do adro da igrexa parroquial e un treito da vía de acceso a Vila de Abaixo
Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas recibiu un total de 13 ofertas de empresas para executar as obras de recuperación de espazo para uso peonil no entorno da Igrexa de Santa María de Sacos, no concello de Cerdedo-Cotobade, licitada por un importe de 326.500 euros.
Esta intervención enmárcase no coñecido Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, centrándose neste caso a obra na humanización do ámbito público que hai diante de Santa María de Sacos.
A actuación prevista neste contrato, localízase na parroquia de Santa María de Sacos, no lugar da Vila de Abaixo, concretamente no entorno da igrexa parroquial, cemiterio parroquial, reitoral e casa do pobo veciñal, atopándose emprazada no ámbito do núcleo rural de Cotobade.
Trátase de crear un espazo para uso e desfrute da veciñanza no entorno da igrexa de Santa María de Sacos, aumentando o espazo peonil existente coa creación dunha plataforma única e mellorando a eficiencia enerxética coa substitución das luminarias actuais.
O departamento que dirixe María Martínez Allegue cofinanciará nun 70 % estas intervencións, e o Concello de Cerdedo-Cotobade achegará o 30 %.
A Xunta mantén o impulso na continuada colaboración coas entidades locais para a execución de obras e outras actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.
Ademais, a través doutras medidas e liñas de colaboración como este Plan Hurbe, o Goberno galego contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización, ao convertérense en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.