A Xunta recibe 12 ofertas para a redacción do proxecto para construír 55 vivendas de promoción pública en Navia, no concello de Vigo

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ten licitado, a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, a redacción do proxecto e dirección de obra para a construción destas vivendas por un orzamento autonómico de 440.000 euros

A Xunta, a través de Vipugal, segue traballando no obxectivo de promover 2.350 vivendas públicas ata o 2028, para conxuntamente coas impulsadas desde o Instituto Galego de Vivenda e Solo acadar a reto de chegar ás 4.000 novas VPP na lexislatura

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2025

A Xunta vén de recibir 12 ofertas de empresas para a redacción do proxecto e a dirección de obra para construír 55 novas vivendas de promoción pública (VPP) na parcela MV-4 do polígono 2 de San Paio de Navia, no concello de Vigo.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), licitou este contrato, financiado integramente con fondos propios da Xunta, por un orzamento que rolda os 440.000 euros.  O Contrato inclúe os servizos de redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra para a construción destas 55 novas VPP, garaxes, rochos e locais na citada parcela de Navia.

O Goberno galego segue intensificando o ritmo de traballo no desenvolvemento da construción de vivenda de promoción pública nas grandes cidades e a súa área de influencia, sendo Navia o exemplo do traballo que se está a facer nesta materia.

A Xunta, a través de Vipugal traballa no obxectivo de promover na comunidade 2.350 vivendas públicas ata el 2028, para conxuntamente coas impulsadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) acadar o reto de chegar ás 4.000 novas vivendas protexidas nesta lexislatura, tendo xa en marcha, máis de 2.000 vivendas en distintas fases de execución.