A Xunta publica o procedemento para a adxudicación de 3 vivendas en alugueiro accesible para menores de 36 anos en Santiago

O sorteo público celebrarase o 16 de maio entre os demandantes inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia

As 3 vivendas, destinadas a alugueiro accesible para menores de 36 anos, atópanse no barrio de Belvís

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), iniciou  o procedemento para a adxudicación de 3 vivendas de promoción pública (VPP) en alugueiro accesible para menores de 36 anos, en Santiago de Compostela.  Os 3 fogares están situados en Belvís.

O sorteo público terá lugar o próximo 16 de maio entre os demandantes inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia, para o concello de Santiago como concello preferente, e que presenten uns ingresos por unidade familiar entre 1 e 3,5 veces o IPREM. Os contratos de alugueiro terán unha vixencia inicial de 7 anos, e poderán ser prorrogados.

Unha vez realizado o sorteo, a lista provisional de adxudicatarios publicaranse nos taboleiros de anuncios do Concello e do IGVS así como na páxina web deste organismo. Así mesmo, a continuación abrirase un prazo de 10 días para a presentación de posibles reclamacións.

Outras vivendas de promoción pública en Santiago a sorteo o 16 de maio

Ademais destes 3 fogares en Belvís, o 16 de maio tamén serán sorteadas ante notario as vivendas do inmoble de promoción pública de nova construción situado na rúa Castiñeiriño 81, con 24 vivendas, das que 9 serán destinadas a alugueiro a menores de 36 anos e as do novo edificio na rúa Virxe Branca s/n (Lamas de Abade) de 24 fogares, dos que 9 serán destinados a alugueiro a menores de 36 anos. Por último, tamén serán sorteadas 12 vivendas no edificio na rúa Constantino Limia Nogueira s/n (Lamas de Abade), das que 5 serán destinadas a alugueiro a menores de 36 anos.