A Xunta publica no DOG a renovación do Pleno do Xurado de Expropiación de Galicia

Esta actualización de membros do Pleno prodúcese cada 4 anos, polo que o DOG recolle hoxe o nomeamento de novos vogais

O Xurado de Expropiación de Galicia é un órgano colexiado, adscrito á Consellería de Vivenda, e ten como función a determinación dun prezo xusto nas expropiacións forzosas levadas a cabo pola Xunta ou os Concellos

Este órgano, cuxo Pleno se reúne de xeito mensual, caracterízase pola súa especialización debido aos diferentes sectores representados, tanto de distintas organizacións coma dos colexios profesionais

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2026

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a renovación do Pleno do Xurado de Expropiación de Galicia. O DOG recolle hoxe a Orde pola que se nomean os novos vogais, por un periodo de 4 anos. No seguinte enlace pode ampliarse esta información: https://shorturl.at/WEwcD

O Xurado de Expropiación de Galicia é un órgano colexiado, adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e ten como principal función a determinación dun prezo xusto nos casos de expropiacións forzosas levadas a cabo pola Xunta ou os Concellos.

O Xurado caracterízase pola súa especialización debido aos diferentes sectores representados, tanto a través de distintas organizacións coma dos colexios profesionais.

Este ente autonómico reúnese en Pleno cunha frecuencia mensual e componse dunha presidencia, unha secretaría, unha asesoría xurídica e tres vogais relatores, sendo estes últimos os que expoñen as valoracións dos predios nos plenos. Todos estes membros son funcionarios pertencentes á administración da Xunta de Galicia.

Tamén forman parte do Pleno vogais que non pertencen á estrutura administrativa do Xurado e que, tal como publica o DOG, son nomeados por 4 anos. Trátase de representantes da Consellería de Facenda, da Fegamp ou do Consello Galego de Consumidores e Usuarios. Ademais interveñen representantes do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Montes, do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia, do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais, do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España, do Colexio de Economistas e do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.