A Xunta publica no DOG o novo programa Fogar Vivo, que abrirá o seu prazo de solicitudes o 18 de xullo

O DOG publica hoxe a primeira convocatoria do programa Fogar Vivo, que se activará o venres 18 de xullo ata o 30 de outubro

Este novo programa o Goberno galego ten como obxectivo recuperar para o mercado de alugueiro o meirande número de vivendas baleiras

Esta liña de achegas inclúe a renovación dos electrodomésticos da cociña e os sanitarios, como novidade

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2025

A Xunta publica hoxe no DOG a resolución pola que se establecen as bases reguladoras do novo programa Fogar Vivo, dotado cun investimento de máis de 1M€ en 2025, e un total de 5,7M€ ata 2028, que ten como finalidade mobilizar o meirande número de vivendas baleiras para o mercado residencial sempre cun prezo de alugueiro mensual accesible. Toda a información está xa dispoñible no Diario Oficial de Galicia.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, presentou hoxe a nova liña de achegas, e destacou que a contía máxima das subvencións impulsadas pola Xunta será de ata 16.000 euros por vivenda, dos que 11.000 serán para rehabilitación e mellora da vivenda, incluíndo como novidade os gastos para renovar electrodomésticos como a lavadora, o lavavaixelas, o forno, a nevera, a campá extratora, a cociña e os sanitarios.

Poden acollerse ás axudas de mellora ou rehabilitación de vivendas desta convocatoria as obras que se realizasen dende o 1 de xaneiro de 2025, sen que o prazo da súa execución poida, en ningún caso, exceder do 30 de maio de 2026.

M. Allegue sinalou que se a vivenda se aluga a mozos e mozas menores de 36 anos, persoas con fillos menores a cargo ou unidades familiares con persoas dependentes haberá unha axuda adicional de 2.000 euros, sempre que se obtivera a axuda de rehabilitación e mellora da vivenda.

Por último, os propietarios poderán solicitar, independentemente de que fagan reformas, 3.000€ para un seguro de impago e/ou multirisco.

A Xunta poderá realizar pagamentos anticipados, ata nun 80%, aboándose o 20% restante coa xustificación final da obra. O obxectivo é que o propietario poida dispor de maior flexibilidade para a realización das actuacións.

Requisitos de acceso

As vivendas dos propietarios que queiran solicitar as achegas do programa Fogar Vivo non poden ter sido arrendadas nos tres meses inmediatamente anteriores á presentación da solicitude. Ademais, deberán destinarse ao alugamento accesible cando menos, durante cinco anos ou sete anos no caso de persoas xurídicas. O prezo non poderá superar os límites establecidos na convocatoria.

Prazos

O prazo de solicitudes desta primeira convocatoria comezará o venres 18 de xullo ás 9 da mañá e rematará o día 30 de outubro de 2025.

Mobilización de vivendas

Ás axudas do programa Fogar Vivo que impulsa o Goberno galego, engádense os incentivos fiscais  que están en marcha desde xaneiro deste mesmo ano para os propietarios que poñan en alugueiro novos inmobles, con deducións do 15% das cantidades satisfeitas polas obras de reparación e conservación ou calquera outro gasto necesario para que un inmoble se atope en condicións de ser arrendado como vivenda, incluída a obtención do certificado de eficiencia enerxética e a formalización do contrato de arrendamento. A base máxima da dedución será de 9.000 euros por vivenda.

Tamén a dedución para os propietarios ou usufrutuarios das vivendas de 500 euros por vivenda da cota íntegra autonómica do primeiro período impositivo en que se poña en arrendamento dita vivenda.