A Xunta publica no DOG a delimitación do ámbito das Carolinas en Vilagarcía, para desenvolver solo residencial onde construír 350 vivendas
A resolución implica a declaración do interese autonómico da actuación que se levará a cabo, no marco da Estratexia Galega de Solo Residencial que ten en marcha a Xunta
Están en redacción os PIA para desenvolver, ademais do de Vilagarcía, outros ámbitos en Pontevedra, Vigo (2), Ourense, Lugo, Santiago, A Coruña e Arteixo e a Xunta ten aprobados tamén proxectos en Marín e O Porriño
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2025
A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a delimitación do ámbito das Carolinas en Vilagarcía de Arousa, para desenvolver solo residencial, onde se poderán construír 350 vivendas. Esta resolución implica a declaración do interese autonómico da actuación que se levará a cabo.
A resolución recolle a aprobación da delimitación do ámbito de actuación no ámbito situado entre a avenida Carolinas, a rúa Coca e a rúa Arealonga, situado ao oeste do centro urbano de Vilagarcía de Arousa, nas inmediacións da estrada nacional N-640 e atravesado polo río Con, que será obxecto de transformación urbanística para a creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública en Pontevedra. A superficie do ámbito é de 6,2 hectáreas.
A Xunta formalizou a finais de outubro a adxudicación do contrato de redacción deste PIA á empresa Antea Iberolatam S.L. por 195.829€. A empresa está a redactar o documento e, unha vez que estea rematado, iniciarase a tramitación ambiental. Continuarase posteriormente coa tramitación ordinaria, coa redacción do proxecto de expropiación e a redacción do proxecto de urbanización.
O obxectivo é iniciar as obras de urbanización no ano 2028.
Estes proxectos enmárcanse na Estratexia Galega de Solo Residencial que ten en marcha a Xunta, co obxectivo de desenvolver solo no que facilitar a construción de 25.000 vivendas en Galicia, 20.000 protexidas e 5.000 libres.
Cómpre lembrar que están en redacción os Proxectos de Interese Autonómico (PIA) para desenvolver, ademais do de Vilagarcía, outros ámbitos en Pontevedra, Vigo (2), Ourense, Lugo, A Coruña e Santiago de Compostela e Arteixo. Ademais, a Xunta ten aprobados outros PIA para desenvolver tamén solo nos concellos de Marín e O Porriño.
A resolución publicada hoxe no DOG implica a declaración do interese autonómico da actuación que se levará a cabo no ámbito delimitado