A Xunta publica hoxe no DOG a delimitación do ámbito de Ribadeo para desenvolver solo residencial onde construír 300 vivendas
A resolución implica a declaración do interese autonómico da actuación a levar a cabo no ámbito delimitado dentro dos seguintes límites: norte, avenida de Ribadeo e terreos de solo urbano; sur, viario municipal e parcela; leste, camiño de Reverte a Vilar e terreos de solo urbano e oeste, viario municipal e parcela
A tramitación deste novo PIA súmase aos once que xa ten en marcha a Administración autonómica na Coruña, Lugo, Santiago, Ourense, Vigo (2), Pontevedra, Arteixo, Vilagarcía de Arousa, Marín e O Porriño
Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2026
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través de Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG), a delimitación do ámbito do municipio de Ribadeo, para desenvolver solo residencial, onde se poderán construír 300 vivendas, das que o 80% serán protexidas.
A resolución recolle a aprobación da delimitación do ámbito de actuación, na zona residencial SUD-R2. O ámbito está comprendido dentro dos seguintes límites: norte, avenida de Ribadeo e terreos de solo urbano; sur, viario municipal e parcela; leste, camiño de Reverte a Vilar e terreos de solo urbano e oeste, viario municipal e parcela. A superficie do ámbito é de 7,6 hectáreas.
A devandita delimitación poderá ser obxecto de variacións como consecuencia dos axustes que sexa preciso introducir na fase de redacción e tramitación dos proxectos de interese autonómico, que serán debidamente comunicadas ao Concello de Ribadeo.
Esta resolución implica a declaración do interese autonómico da actuación que se levará a cabo no ámbito delimitado.
Este novo PIA, primeiro na comarca da Mariña lucense, súmase aos once que xa ten en marcha o Goberno galego na Coruña, Lugo, Santiago, Ourense, Vigo (2), Pontevedra, Arteixo, Vilagarcía de Arousa, Marín e O Porriño e enmárcase na Estratexia Galega de Solo Residencial.
O próximo paso, tras a súa declaración de Interese Autonómico, é a licitación do contrato para a redacción do PIA.