A Xunta publica hoxe no DOG a convocatoria para marzo e maio dos actos expropiatorios para a construción do treito que culmina a autovía AG-59, entre Pontevea e O Rollo
As obras suporán un investimento de 32,3M€ e desenvolverá o segundo treito da prolongación da autovía libre de peaxe Santiago-A Estrada, desde o enlace coa AC-241, actualmente en execución entre A Ramallosa e Pontevea, ata o enlace coa PO-841
O acto para o levantamento de actas previas terán lugar os días 17 e 18 de marzo e a formalización das actas de ocupación o 28 de maio no salón de plenos do Concello de Teo
O novo treito desta autovía libre de peaxe disporá de 2 enlaces que permitirán os catro movementos, tanto cara a Santiago como á Estrada, sendo un deles resultado da reforma do existente na Ramallosa, e o outro de nova execución sobre a AC-241, en Pontevea
A Xunta prevé licitar as obras este ano, cun prazo de execución de 36 meses
A Xunta avanza ao tempo nas obras do treito de 3,5 quilómetros da prolongación da AG-59, iniciadas a finais de outubro de 2023 e nas que está a investirse máis de 33M€
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2025
A Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través de Axencia Galega de Infraestruturas, publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para os vindeiros meses de marzo e de maio dos actos expropiatorios para a construción do segundo treito de prolongación da autovía libre de peaxe Santiago-A Estrada, entre Pontevea (AC-241) e O Rollo (enlace PO-841). Esta actuación, á que a Xunta destinará un investimento de 32,3M€, culminará a autovía AG-59.
O acto para o levantamento das actas previas á ocupación están convocados para os vindeiros días 17 e 18 de marzo, das 10.00 ás 11.30 horas, no salón de plenos do Concello de Teo. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o día 28 de maio, das 10.00 ás 12.00 horas, no mesmo lugar.
Tratase do proxecto que prolongará a AG-59 desde o enlace coa AC-241 -que está actualmente en execución entre A Ramallosa e Pontevea, no concello de Teo-; ata o enlace coa estrada PO-841, no Rollo, xa no concello da Estrada.
En concreto, este novo treito entre Pontevea e O Rollo disporá de dous enlaces que permitirán os catro movementos, tanto cara o Norte (Santiago de Compostela), como cara o Sur (A Estrada). Un deles, resultado da reforma do existente na Ramallosa, e o outro, de nova execución sobre a AC-241, en Pontevea.
A Xunta prevé licitar as obras neste ano, cun prazo de execución de 36 meses.
Así, a administración autonómica ao tempo que avanza nas obras do treito de 3,5 quilómetros da prolongación da AG-59, iniciadas a finais de outubro de 2023 e nas que está a investirse máis de 33M€, impulsará este novo treito de 4 quilómetros de lonxitude.
Unha vez rematada os 7,5 quilómetros da prolongación do actual tramo da AG-59, os tempos da viaxe entre Santiago de Compostela e A Estrada se reducirán a 10 minutos, ademais de mellorar a seguridade viaria, tras un investimento global de máis de 67 millóns de euros.
O obxectivo da Xunta con estas actuacións é facilitar a comunicación e a vertebración territorial entre Santiago e a comarca de Tabeirós-Terra de Montes. A infraestrutura busca, tamén, incrementar a competitividade do municipio da Estrada, sede de importantes institucións como a Academia Galega de Seguridade Pública, do Centro Integrado de Emerxencias 112 e do 061, e cunha grande actividade económica e empresarial.