A Xunta publica axudas para a eficiencia enerxética dos fogares e unha liña de achegas para a promoción de vivendas en alugueiro e venda

As achegas para a mellora da eficiencia enerxética supoñen un orzamento global que rolda os 2,2M€

Desde 2021 concedéronse axudas para 3.792 vivendas, por un importe de 10,5 millóns de euros

O DOG publica tamén a liña de axudas a promotores, por un importe de 9,5M€, dos que 4,9M€ son fondos propios da Xunta, coa novidade da modalidade destinada á compravenda, con fondos propios da Xunta

O obxectivo da medida é incentivar aos promotores públicos e privados a construír inmobles que contribúan a reforzar o parque público residencial

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2025

A Xunta publicou hoxe as novas axudas para mellorar a eficiencia enerxética dos fogares galegos e unha liña de achegas a promotores, que nesta convocatoria inclúe a modalidade de compravenda como novidade.

O DOG recolle a nova convocatoria do programa de achegas para a mellora da eficiencia enerxética en vivendas unifamiliares e en vivendas en residenciais colectivos, por un orzamento global que rolda os 2,2 millóns de euros. Esta nova quenda de axudas conta co financiamento de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resilencia, e diríxense ás persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias. Con esta partida o Goberno galego esgota os fondos europeos do programa Next Generation destinados á vivenda.

O obxectivo da convocatoria é a mellora da eficiencia enerxética dos fogares galegos, de tipoloxía residencial colectiva e en vivendas unifamiliares, e normalmente solicítase para a renovación das carpinterías exteriores. Tamén poderán incluírse actuacións de modificación ou substitución de elementos construtivos da envolvente térmica para adecuar as súas características aos valores límite de transmitancia térmica e de permeabilidade ao aire.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 8 de maio e rematará o 8 de xullo. No seguinte enlace ao DOG pode ampliarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250429/AnuncioC3Q2-150425-0001_es.html

Entre 2021 e 2024 concedéronse axudas para a mellora da eficiencia enerxética de 3.792 vivendas, por un importe de 10,5 millóns de euros.

Por outra banda, hoxe publicouse tamén, por un importe de 9,5M€, a terceira convocatoria da liña de axudas para a promoción de vivendas para alugueiro, aloxamentos temporais, e outras modalidades residenciais tipo covivenda (cohousing), vivendas interxeneracionais e modalidades similares de nova construción ou procedentes da rehabilitación. O obxectivo desta medida é incentivar aos promotores públicos e privados a construír inmobles que contribúan a reforzar o parque público residencial de prezo accesible, tanto para alugueiro, como para a compravenda.

Desta volta, como novidade, o programa contempla unha liña destinada á compravenda de vivenda protexida, con fondos propios da Xunta. En concreto, as chegas contemplan dúas modalidades. A primeira, cun orzamento de 4,6M€ de fondos finalistas do Estado, para promoción de vivendas destinadas a alugueiro ou cesión en uso, ata 50.000 € por vivenda. A segunda modalidade, cun orzamento de 4,9M€ de fondos propios da Xunta, para promoción de fogares  protexidos destinados á compravenda, de ata 10.000 € por vivenda.

As obras deberán realizarse no prazo máximo de 36 meses desde a data de notificación da concesión da axuda. Non obstante, o citado prazo estenderse a 38 meses cando se trate de promocións de máis de cincuenta aloxamentos ou vivendas. Cando se trate de actuacións de rehabilitación os prazos serán de 30 meses e 32 meses, respectivamente.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 8 de maio e rematará o 30 de setembro. No seguinte enlace ao DOG pode ampliarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250429/AnuncioC3Q2-150425-0004_es.html