A Xunta propón conceder unha axuda directa á cooperativa Galivivenda para garantir a viabilidade do proxecto para a construción de vivenda protexida en Xuxán

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2025

A Xunta propón conceder unha axuda directa á cooperativa Galivivenda para garantir a viabilidade do proxecto para construción de vivenda protexida en Xuxán, Coruña. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, abordou esta medida coa xestora da cooperativa e con socios cooperativistas.

Allegue explicou que no caso de que non se prorrogue o prazo para a consecución das axudas con fondos europeos, cuestión que pon en risco a execución das vivendas, a Xunta outorgará á cooperativa unha subvención polo mesmo importe e con cargo a unha partida autonómica, co obxectivo de garantir a viabilidade dun proxecto. A conselleira lembra que “a Xunta puxo a disposición solo público a un prezo simbólico, tramitou e resolveu en tempo récord a subvención de fondos europeos, e o único que restaba para poder comezar as obras era a financiación do préstamo ICO”.

A conselleira dixo que ante a pasividade do Estado, o Executivo Galego buscou unha solución porque “a Xunta non deixará caer Galivivenda e por iso toma esta decisión extraordinaria, avalando así a súa viabilidade”. Allegue afeou ao Goberno central que “estrangulara financeiramente á cooperativa” coas dificultades e cambios para acceder ao crédito ICO pactado e a falta de información sobre a prórroga dos fondos europeos.

Requisitos

Galivivienda deberá ofrecer aos cooperativistas que se deron de baixa a posibilidade de reincorporación.

A axuda está condicionada a que non se prorroguen os prazos de finalización das obras do programa de axuda á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxéticamente eficientes do PRTR,  nin se aprobe polo Estado un financiamento específico para estas obras.

A subvención autonómica tamén está supeditada a que se asine antes do 31 de agosto de 2026 o préstamo co ICO,  que garanta a viabilidade da promoción.

Inacción do Goberno central

A conselleira destacou que a Xunta, ante a inacción do Ministerio de Vivenda, toma esta decisión para achegar unha solución ás familias afectadas por esta situación. Precisou que o Goberno galego sempre defendeu que as vivendas protexidas teñen un prezo taxado e non pode permitirse que o ICO, con fondos europeos e avais públicos do Estado,  quixera fixar condicións máis exixentes que a banca comercial privada.

Lembrou que a Xunta conseguiu que o ICO volvera ao esquema de financiamento inicial,  coa condición de aclarar a posibilidade de prórroga dos fondos europeos que vencen en 2026 que habilita a percepción das axudas concedidas. 

Non obstante, na reunión da Conferencia Sectorial de outubro o Ministerio confirmou que a Comisión Europea non ía ampliar o prazo de finalización das actuacións pero que se estaba tratando de que, no caso de ter todos os obxectivos alcanzados, puidesen seguir financiándose obras iniciadas pero non rematadas a 30 de xuño de 2026.

A conselleira Allegue concluíu que dadas estas circunstancias de incertidume, a Xunta propón outorgar unha axuda directa á cooperativa, con fondos autonómicos, para blindar os fogares das familias.