Escoitar
A Xunta prevé aprobar o proxecto de rehabilitación do Pazo de Dona Urraca este ano e rematar as obras en 30 meses
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, aclara que os contratos recentemente asinados inclúen a dirección das obras e polo tanto fixan os prazos totais para a finalización dos traballos
Lugo, 24 de xuño de 2026
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé aprobar definitivamente este mesmo ano os proxectos básicos e de execución da rehabilitación do Pazo de Dona Urraca, e rematar as obras en 30 meses. Estes mesmos prazos rexen para a recuperación dos inmobles números 19 e 21 da rúa Miño e números 16 e 18 da rúa Falcón.
En canto aos edificios de nova construción previstos na contorna, os proxectos aprobaranse a mediados do próximo ano e as actuacións finalizarán en 35 meses. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, aclarou que os contratos formalizados hai un mes inclúen a dirección das obras, e polo tanto os termos de 30 e 35 meses abarcan todo o período de execución e marcan o límite para a conclusión das obras.
“A intervención vai supoñer un antes e un despois para o barrio da Tinería, e esa transformación verase completa en tres anos; a medida que se aproben os proxectos, licitaranse os traballos con axilidade para cumprir os tempos fixados”, afirmou Villares.
O Goberno galego realizará un investimento de case 7 millóns de euros na rehabilitación do pazo e a súa contorna, coa recuperación dos catro inmobles das rúas Miño e Falcón para seis vivendas, a creación dunha praza e a construción doutros 10 pisos en novas edificacións.
Os contratos para os proxectos do plan urbanístico e das vivendas así como para a dirección das obras formalizáronse o 11 de maio e sumaron un orzamento de 474.600 euros.