A Xunta pon en valor os proxectos estratéxicos autonómicos como instrumentos para ordenar o territorio e impulsar vivenda protexida e a economía

Mª Encarnación Rivas fai fincapé nos Proxectos de Interese Autonómico  e os Proxectos Industriais Estratéxicos, “claves para garantir unha planificación eficiente, axilizar a tramitación administrativa e dar resposta ás necesidades reais da cidadanía”

Subliña como a Xunta está a aproveitar os proxectos estratéxicos como unha auténtica ferramenta de transformación e situar a Galicia en comunidade referente na ordenación do territorio e no desenvolvemento industrial a nivel autonómico

Sinala á Estratexia Galega de Solo Residencial, coa que a Xunta quere dispoñer de solo para construír ata 25.000 vivendas nas zonas onde máis falta fan, para que a xente nova e os colectivos con máis dificultades teñan máis facilidades para acceder a unha casa

Estepona (Málaga), 2 de outubro de 2025

A Xunta pon en valor o papel da ferramenta dos Proxectos de Interese Autonómico (PIAs) e dos Proxectos Industriais Estratéxicos (PIEs) como ferramentas clave para ordenar o territorio, impulsar vivenda protexida e favorecer o desenvolvemento económico e social en Galicia. Así o destacou a directora xeral de Urbanismo, Mª Encarnación Rivas, na súa intervención hoxe nas xornadas Proxectos estratéxicos e territorio, organizada por DAXXI (Un Dereito Administrativo para o S.XXI) e o  consultor dos concellos  (ARANZADI LA LEY), en Estepona, Málaga.

Na súa intervención, subliñou o reforzo do compromiso da Xunta coa ordenación do territorio e o desenvolvemento económico e social a través deste proxectos estratéxicos, a través destes instrumentos “claves para garantir unha planificación eficiente, axilizar a tramitación administrativa e dar resposta ás necesidades reais da cidadanía”.

Os Proxectos de Interese Autonómico permiten actuar directamente en ámbitos prioritarios como a implantación de dotacións urbanísticas, a creación de solo para vivendas protexidas e a posta á disposición de solo para actividades económicas. 

A este respecto, destacou como un dos eixes principais desta política é a Estratexia Galega de Solo Residencial, coa que se prevé desenvolver solo para construír 25.000 vivendas protexidas nas zonas de maior demanda, co obxectivo de facilitar o acceso á vivenda, especialmente á mocidade e a colectivos con máis dificultades. As delimitacións propostas para estes PIAs parten da análise previa para determinar as áreas urbanas con maior demanda e as zonas máis adecuadas

A directora xeral de Urbanismo referiuse tamén, no ámbito económico, aos Proxectos Industriais Estratéxicos da Xunta, como unha ferramenta de atracción de investimentos nacionais e internacionais, así como de impulso á innovación e á competitividade empresarial.  Entre os requisitos destes  proxectos atópanse investimentos significativos, a creación de emprego estable e a integración en sectores estratéxicos vinculados ás políticas europeas. 

Estes proxectos contan con vantaxes administrativas como a tramitación prioritaria, a prevalencia sobre o planeamento urbanístico municipal, a posibilidade de adxudicación directa de solo empresarial e a opción de acceder a subvencións sen concorrencia competitiva.

En definitiva, segundo salientou Encarnación Rivas, “Galicia está a aproveitar os Proxectos Estratéxicos como unha auténtica ferramenta de transformación, que nos permite avanzar con paso firme en cohesión social, acceso á vivenda e dinamización económica, situando á nosa comunidade como referente na ordenación do territorio e no desenvolvemento industrial a nivel autonómico”.