A Xunta pon en valor o papel dos administradores de fincas na xestión das comunidades e agradece a colaboración do Colexio Oficial no Observatorio de Vivenda de Galicia
A conselleira avanza que a Xunta ten todo preparado para lanzar a nova convocatoria das liñas de axudas á rehabilitación, conservación e accesibilidade de vivendas e edificios, pero advirte que o retraso na aprobación do novo Plan Estatal de Vivenda polo Goberno central provocará a súa demora
Allegue cuestiona este retraso inxustificado na aprobación por parte do Goberno central, que está a ser “neglixente” e pon en risco a convocatoria destas liñas de subvencións ata, a lo menos, o segundo semestre deste ano
Destaca o impulso con fondos autonómicos de iniciativas de éxito como o programa Fogar Vivo, que recibiu máis de 400 solicitudes e concedeu 239 axudas, e que se volverá convocar este mes duplicando o orzamento ata 2,6M€
Subliña a colaboración dos administradores de fincas no novo Pacto de Vivenda aprobado pola Xunta, que prevé un investimento público de 2.000 M€ ata 2030
Vigo, 6 de febreiro de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, inaugurou hoxe en Vigo as IV Xornadas Galegas do Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia, un encontro no que puxo en valor a figura profesional dos administradores e administradoras de fincas como peza clave na boa xestión das comunidades de propietarios e na mellora da súa calidade de vida.
Durante o acto de inauguración das xornadas, nas que tamén participaron o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, e o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, a conselleira destacou a importancia da colaboración institucional co Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia, ao que agradeceu a súa participación activa no Observatorio de Vivenda de Galicia.
M. Allegue puxo o foco na aposta decidida da Xunta pola conservación e mellora do parque residencial, consciente de que fomentar as actuacións de rehabilitación é clave para mellorar a calidade de vida urbana, preservar o patrimonio construído e avanzar cara a espazos máis sostibles, eficientes, seguros e accesibles.
Neste contexto, a conselleira adiantou que nesta anualidade do 2026 a Xunta convocará as distintas liñas de axudas á rehabilitación, conservación e accesibilidade de vivendas e edificios, pero advertiu de que o retraso na aprobación do novo Plan Estatal de Vivenda, provocará o retraso nestas convocatorias. O plan estatal rematou o 31 de decembro de 2025, e a Xunta, como moitas comunidades autónomas, executaron ao 100% estas liñas de axudas.
Neste contexto, M. Allegue cuestionou a demora inxustificada na aprobación de novo Plan, que pon en risco a convocatoria destas axudas e cualificou de “neglixente” a actuación do Goberno central: “É moi grave, toda vez que impide ás comunidades convocar estas liñas de subvencións”. Esta importante demora, vai a supoñer que estas convocatorias, como mínimo, non se poidan realizar, a lo menos, ata o segundo semestre do ano, “e na situación na que nos atopamos agora e unha neglixencia moi grande”, remarcou.
A conselleira aproveitou este foro profesional, para volver a pedir publicamente ao Ministerio de Vivenda, como xa reiterou por carta en distintas ocasións e tamén persoalmente: por un lado, flexibilidade na tramitación destas axudas, pero dilixencia.
Afirmou que a Xunta ten xa todo preparado para “no minuto un” lanzar a convocatoria destas liñas de axuda á rehabilitación de vivendas e edificios, en especial as destinadas á mellora da eficiencia enerxética, á conservación e á accesibilidade a comunidades de propietarios e particulares.
M- Allegue puxo en valor a capacidade da Xunta para impulsar con fondos autonómicos iniciativas de éxito como o programas Fogar Vivo, para axudar aos propietarios con vivendas baleiras nas pequenas reformas das súas vivendas para o alugueiro e sufragar seguros de impago, e solventar a inseguridade xurídica. Na súa primeira convocatoria se recibiron máis de 400 solicitudes e permitiu por no mercado 239 vivendas. Avanzou que este mesmo mes de febreiro se publicará unha nova convocatoria cun orzamento duplicado, de ata 2,6M€, con fondos propios autonómicos.
A conselleira enmarcou estas actuacións na estratexia global da Xunta recollida no II Pacto de Vivenda de Galicia 2026-2030, que establece unha folla de ruta ambiciosa e estable para o desenvolvemento das políticas públicas de vivenda. Este pacto prevé un investimento público de arredor de 2.000 millóns de euros no período 2026-2030 en vivenda, rehabilitación e solo residencial, cun investimento inducido privado que podería acadar os 5.000 millóns de euros, mobilizando no seu conxunto preto de 7.000 millóns e contribuíndo á xeración ou mantemento de arredor de 60.000 postos de traballo.