A Xunta pon á disposición un texto consolidado da Lei do Solo de Galicia para facilitar a consulta e aplicación da normativa urbanística

O documento integra nun único texto as modificacións que a norma tivo dende a súa orixe, o que axiliza a consulta por parte dos profesionais que o necesiten

O Goberno galego aposta pola colaboración con profesionais de ámbitos técnicos e xurídicos no desenvolvemento das súas funcións no eido do urbanismo

Este texto está publicado na páxina web da Dirección Xeral de Urbanismo, co fin de favorecer tamén o acceso do conxunto da cidadanía á citada normativa

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2025

A Xunta pon á disposición un texto consolidado da Lei do Solo de Galicia para facilitar a consulta e a aplicación da normativa urbanística.

Este documento integra nun único texto as modificacións e actualizacións que a norma tivo dende a súa aprobación no ano 2016.

A simplificación e o estruturado do contido da Lei nun só texto permite axilizar a consulta da normativa por parte dos profesionais de ámbitos relacionados co urbanismo.

A iniciativa tamén incorpora anotacións e comentarios do articulado, así como enlaces web ao contido da información que se regula, como no caso da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, das Normas Técnicas de Planeamento Urbanístico ou do Plan Básico Autonómico.

O Goberno galego segue apostando pola colaboración con Colexios Profesionais e actores técnicos e xurídicos no desenvolvemento das súas funcións no eido urbanístico.

Este texto está publicado na páxina web da Dirección Xeral de Urbanismo: https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl, co fin de favorecer o acceso do conxunto da cidadanía á citada normativa.