A Xunta opta por ampliar a convocatoria do Bono Alugueiro Mocidade para axilizar as concesións
Vigo, 30 de outubro de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, participou hoxe telematicamente na Conferencia Sectorial de Vivenda na que se abordou, coma único punto na orde do día, a convocatoria do Bono Mocidade.
Galicia contará coa mesma contía que ano 2024, cun total de 11,4M€, “ao non ter o Goberno aprobados os presuposto para o ano que ven”, segundo recriminou a conselleira.
Así pois, ante este escenario, a Xunta prevé unha ampliación da convocatoria 2024 para beneficiar a aquelas persoas solicitantes que non puideron acceder polo esgotamento dos fondos.
Allegue lamentou que a incapacidade do Goberno estatal para aprobar o orzamento do 2026 lastre a dotación para un bono “do que están pendentes moitos mozos en Galicia”.
A conselleira xa ten amosado que a contía era insuficiente e criticou ademais que o Ministerio non atendera a petición de flexibilidade que debe ter este tipo de programas.
A Xunta segue á espera da aprobación do Plan Estatal de Vivenda, un documento que chega tarde, o que pon en perigo a convocatoria de varias liñas de axuda, nun momento no que o acceso a vivenda é a principal preocupación da cidadanía.