A Xunta notifica 2.033 novas concesións do Bono Alugueiro Mocidade, cun orzamento de 11,4 M€
O Goberno galego resolve as concesións en apenas unha semana tras a autorización no Consello da Xunta da ampliación da dotación económica do programa para o 2025
As novas concesións engádense ás 2.353 xa adxudicadas, cunha partida de 13M€, chegando polo tanto o orzamento en 2025 a máis de 24M€
O obxectivo é facilitar aos menores de 36 anos o pago da renda da súa vivenda habitual, cunha subvención de 250€ ao mes durante 2 anos
Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2025
A Xunta vén de resolver e notificar 2.033 novas concesións do Bono Alugueiro Mocidade, que supoñen un orzamento de 11,4M€.
O Consello da Xunta autorizou o pasado martes a ampliación da dotación orzamentaria deste programa para o ano 2025, que publicaba o venres o Diario Oficial de Galicia (DOG). No día de hoxe, apenas unha semana despois, xa están resoltas todas as concesións e notificadas aos beneficiarios das axudas.
Cómpre lembrar que esta nova partida se suma aos preto de 13M€ xa executados nesta liña este ano, chegando polo tanto o orzamento en 2025 a máis de 24M€. Neste sentido, as novas concesións engádense ás 2.353 xa adxudicadas.
O obxectivo deste programa é facilitar aos menores de 36 anos o pago da renda da súa vivenda habitual cunha axuda de 250 euros ao mes durante 2 anos, sempre e cando esta contía non supere o importe que abonan en concepto de arrendamento.
Os solicitantes deben ser menores de 36 anos no momento de pedir a axuda, dispoñer dunha fonte regular de ingresos, acreditando que non superan 3 veces o Iprem (25.200 euros) e certificar que a vivenda é a súa residencia habitual, entre outros requisitos.