Escoitar
A Xunta mantén un encontro cos afectados polas expropiacións do PIA de Monte Mero, na Coruña
A Coruña, 25 de marzo de 2026
O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, xunto á directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, mantiveron hoxe un encontro na sede da Delegación Territorial da Xunta na Coruña con afectados polas expropiacións de edificacións do Proxecto de Interese Autonómico que a Xunta desenvolve en Monte Mero para a construción de máis de 4.000 novas vivendas, a maioría protexidas, neste ámbito da cidade coruñesa.
Nesta reunión, García Porto trasladoulles que a Xunta ofrecerá ás persoas que conten na actualidade cunha vivenda destinada a residencia habitual e permanente, unha vivenda de reemprazo, en residencial colectivo ou unifamiliar e que será construída pola Xunta de Galicia. Para iso está prevista no ámbito unha zona destinada a darlles esta alternativa habitacional.
Nos próximos días, se requirirá aos propietarios das vivendas a documentación acreditativa da titularidade e, no seu caso, da residencia nas mesmas, e técnicos do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) visitarán cada unha das edificacións afectadas para taxar os inmobles e realizar posteriormente unha valoración.
Esta valoración será comunicada aos propietarios, que previamente deberán ter acreditado a titularidade e residencia, e serán eles os que elixan entre unha vivenda nova ou a suma da valoración económica.