A Xunta licitará o luns a construción dun novo edificio de 75 vivendas públicas no Bertón, en Ferrol, cun investimento de preto de 14 M€
Allegue explicou que o próximo luns se publicará na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia esta licitación, cun prazo de presentación de ofertas ata o 2 de marzo
O inmoble, financiado na súa totalidade pola Xunta, configurarase en 3 bloques de baixo e 5 plantas e contará con 33 vivendas dun dormitorio e 42 de dous dormitorios
Nesta actuación, máis concretamente na fachada, empregaranse as técnicas industrializadas, un método polo que a Xunta está a apostar na construción
O Goberno galego está ademais contruíndo actualmente outros dous edificios no Bertón, que albergan 48 vivendas de promoción pública
A Xunta de Galicia ten en marcha en total 353 novas vivendas públicas en Ferrol
O Exectutivo autonómico tamén colabora co Concello no cofinanciamento dun plan de rexeneración urbana da cidade, que suporá un orzamento total de 12M€; e na segunda fase de ‘Abrir Ferrol ao mar’, cun investimento total de 11M€
Ferrol, 10 de xaneiro de 2025
A Xunta licitará o luns a construción dun novo edificio de 75 vivendas públicas no Bertón, en Ferrol, que suporá un investimento de preto de 14M€, financiados na súa totalidade polo Goberno galego. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informou hoxe desta actuación.
Allegue explicou que o próximo luns se publicará na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia esta licitación, que establecerá un prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 2 de marzo.
As vivendas construiranse na parcela 11 do polígono do Bertón, urbanizada pola Xunta de Galicia. O inmoble, que se configurará en tres bloques de baixo e cinco plantas, contará con 33 vivendas dun dormitorio, tres delas adaptadas para o uso por persoa con mobilidade reducida; e 42 de dous dormitorios.
Nesta actuación, máis concretamente na fachada, empregaranse as técnicas industrializadas, un método polo que a Xunta está a apostar na execución de vivenda pública en Galicia.
A conselleira indicou que a Xunta segue avanzando na construción de nova vivenda pública en Ferrol, pois na actualidade estanse desenvolvendo outros dous edificios en Bertón, que albergan 48 vivendas de promoción pública. Salientou que en total a Xunta ten en marcha 353 novas vivendas públicas en Ferrol.
Fixo fincapé en que o Goberno galego está a traballar para acadar “un Ferrol dinámico, vivo e moderno, que sexa referente e recupere a súa posición”. Neste sentido, recordou que co fin de impulsar aínda máis a dinamización económica e social da cidade, a Xunta colabora co Concello no cofinanciamento dun plan de rexeneración urbana, cun orzamento de 12M€; e na segunda fase de ‘Abrir Ferrol ao mar’, cun orzamento total de 11M€.