A Xunta licitará na vindeira semana as obras dun edificio máis de 14 vivendas de promoción pública en Xuxán e iniciará nun mes a construción doutro inmoble con 50 vivendas
A conselleira lembrou que a Xunta ten en execución, en diversas fases de tramitación e construción, 144 vivendas de promoción pública no barrio coruñés, onde tamén se levantarán outras 256 vivendas protexidas en cinco parcelas cedidas en dereito de superficie a dúas cooperativas
En total, a Administración autonómica está a investir en Xuxán 55M€, entre obras de urbanización e construción, aos que hai que sumar outros 5,4M€ de fondos europeos
M. Allegue avogou pola “colaboración entre administracións” para dar resposta á demanda de vivenda pola cidadanía e volveu reclamar á ministra a dotación de máis fondos para a construción de vivenda pública na comunidade autónoma
A Coruña, 10 de outubro de 2024
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe coa ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, o barrio coruñés de Xuxán, onde a Xunta ten en marcha neste momento, construídas ou en diferentes fases de tramitación e execución, 144 vivendas de promoción pública.
En concreto, a conselleira visitou coa ministra a parcela onde se está a construír un edificio para 40 vivendas de promoción pública, cun investimento de 7,7M€, dos que 5,8M€ os aporta a Xunta e 1,9M€ proceden de fondos europeos. Ademais, na súa intervención, M. Allegue subliñou que a vindeira semana licitarase a construción doutro inmoble con 14 vivendas con técnicas industrializadas e que no vindeiro mes de novembro arrancarán os traballos dun edificio de 50 vivendas.
A conselleira lembrou que, en total, a Administración autonómica está a investir en Xuxán 55M€, entre obras de urbanización e construción, aos que hai que sumar outros 5,4M€ de fondos europeos. Ademais, lembrou que á cifra das 144 vivendas de promoción pública hai que sumar a futura construción doutras 256 vivendas protexidas que levantarán dúas cooperativas en cinco parcelas cedidas en dereito de superficie pola Xunta, e que se está a tramitar por parte do Concello da Coruña a instancias da Xunta de Galicia a modificación do PXOM para posibilitar a construción doutras 520 vivendas.
“Estamos a traballar para conseguir o reto desta lexislatura de duplicar o parque público de vivenda ata acadar as 8.000 vivendas -lembrou M. Allegue- e imos por moi bo camiño, con ao redor de 1.400 en distintas fases. Pero para acadalo é fundamental a colaboración entre todas as administracións, por suposto do Goberno central e tamén da Administración local”.
Máis fondos europeos para construción de vivenda pública
Neste senso, a conselleira volveu reclamar á ministra a dotación de máis fondos para construír vivenda pública na comunidade. “Galicia cumpriu ao 100% o programa 6 de construción de vivenda protexida dos fondos Next Generation e temos obtido a maiores polo cumprimento deste obxectivo outro millón de euros dos fondos de remanentes doutras comunidades. Pero é certo que queremos desenvolver máis solo na nosa comunidade autónoma que nos permitirá construír máis vivenda protexida. Sei que a ministra será sensible ás nosas demandas e tentará facer todo o posible para a concesión de máis fondos e quero reiterarlle que ten a nosa man tendida, ao igual que co Concello da Coruña, para lograr dar cumprimento a esa demanda social de máis vivenda pública a un prezo accesible”.