A Xunta licitará este venres por 2,6 M€ a redacción dos proxectos de interese autonómico para facilitar solo para máis de 15.000 vivendas

A conselleira avanzou os primeiros ámbitos onde se desenvolverá vivenda a través dos PIA en Vigo, A Coruña, Santiago, Pontevedra, Lugo, Ourense e Arteixo

A previsión da Xunta sitúa no 2028 o inicio das obras de urbanización dos solos escollidos para estas primeiras 15.000 vivendas, das 25.000 previstas na Estratexia

Na cidade de Santiago prevense 3.460 vivendas, mentres que na Coruña a estimación é de 4.310; 160 en Arteixo, 1.200 en Lugo, 1.640 en Ourense, 2.040 en Pontevedra e 2.300 en Vigo

M. Allegue destacou que a figura dos Proxectos de Interese Autonómico permitirá reducir á metade os trámites administrativos para axilizar a construción de vivenda

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2024

A Xunta licitará este venres 29, por un importe de 2,6M€, a redacción dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA) para o desenvolvemento de solo residencial para as primeiras 15.000 vivendas previstas na Estratexia Galega de Solo Residencial, concretamente nos concellos de Vigo, Pontevedra, Santiago, Ourense, Lugo, Coruña e Arteixo. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, deu a coñecer hoxe os ámbitos destes concellos onde se desenvolverá solo, cunha superficie total de 1,5 millóns de metros cadrados, e cunha previsión de iniciar no 2028 as obras de urbanización nas parcelas onde se construirá vivenda.

M. Allegue lembrou que a Estratexia Galega de Solo Residencial, aprobada polo Consello da Xunta en xuño deste mesmo ano, prevé desenvolver solo para 25.000, das que 20.000 serán protexidas e 5.000 libres. “Unha estratexia -subliñou a conselleira- que permitirá seguir construíndo vivenda de xeito continuo nos vindeiros anos. Porque somos conscientes da inquedanza que produce  nas familias, nos mozos, a falta de vivenda. E como administración debemos garantir o acceso a unha vivenda digna, a un prezo accesible”.

A Xunta dá un novo paso no marco da primeira fase da Estratexia coa determinación dos ámbitos urbanísticos nos que se construirán estas primeiras vivendas e a licitación da redacción dos PIA, baixo os que se tramitará o solo e a adquisición dos terreos. Esta licitación, que foi aprobada no Consello da Xunta o pasado luns, inclúe a redacción dos proxectos de interese autonómico, do proxecto de expropiación e de parcelamento para a obtención de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas protexidas nos citados concellos.

En concreto, o solo que vai urbanizar a Xunta terá capacidade para aproximadamente 15.110 novas vivendas. Por concellos, urbanizarase solo para aproximadamente 3.460 vivendas en Santiago; ; 4.310 na Coruña; 160 en Arteixo; 1.200 en Lugo; 1.640 en Ourense; 2.040 en Pontevedra e 2.300 en Vigo. No caso da cidade compostelá, o ámbito escollido sitúase no solo urbanístico de Mallou, mentres que na Coruña elixiuse solo en Monte Mero; en Arteixo en Baiuca-Penouqueira; en Lugo no barrio Sagrado Corazón; en Ourense na zona Escorial-Vinteún; no concello de Pontevedra hai dous solos en San Mauro e, por último, en Vigo desenvolverase solo na zona do Ofimático.

Como explicou a conselleira, estes ámbitos foron escollidos tras os contactos mantidos pola Xunta cos concellos para identificar zonas de solo sen desenvolver para seren xestionadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo. Tras a oferta realizada polos concellos, realizáronse os estudos de viabilidade para determinar os espazos onde actuar.

A estes solos, como lembrou M. Allegue, súmanse os que xa están en execución “e estanse estudando outros ámbitos para a licitación da redacción dos correspondentes PIAs e proxectos”.

A conselleira quixo destacar que a opción da tramitación dos solos a través destes Proxectos de Interese Autonómico  “permitirá reducir á metade a burocracia e os trámites administrativos, co que acadamos unha execución máis rápida”. Neste senso, lembrou que no marco das medidas extraordinarias incluídas na Lei de acompañamento aos orzamentos de 2025, o Goberno galego introduciu melloras nesta figura para axilizar estas actuacións de creación de solo residencial de promoción pública “co fin de reducir á metade os prazos de emisión de informes autonómicos e poder simultanear as obras de urbanización e edificación dos futuros inmobles”.

Folla de ruta

Deste xeito, a previsión da Xunta é ter adxudicados os contratos de redacción dos proxectos ao longo do vindeiro 2025, a fin de aprobar os PIA en xullo do 2026 e iniciar a continuación o proceso de expropiacións, entre ese ano e o 2027. Os proxectos de urbanización redactaranse entre febreiro e novembro de 2026 e, finalmente, as obras de urbanización comezarán no 2028.

Políticas de vivenda

O Goberno galego está inmerso na execución da primeira fase da Estratexia Galega de Solo Residencial, que inclúe a planificación e determinación dos ámbitos urbanísticos nos que se construirán as vivendas, os acordos cos concellos, así como a tramitación dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA) baixo os que se tramitará o solo e a adquisición dos terreos. Nunha segunda fase levarase a cabo a urbanización, a comercialización das parcelas e a execución das edificacións.

Ademais desta Estratexia Galega de Solo Residencial, a Xunta está a axilizar a construción de vivenda de promoción pública co compromiso de duplicar ao longo desta lexislatura o parque público residencial, coa construción de 4.000 novas vivendas. Desta cifra, M. Allegue subliñou hoxe que xa están en marcha máis de 1.600.