A Xunta licita a redacción do proxecto para construír 36 vivendas públicas en Volta do Castro, en Santiago, que suporán un investimento total de 7 M€

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe esta licitación e establece un prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 20 de febreiro

Allegue explicou que a actuación se impulsa ao abeiro da modificación normativa que permite construír vivenda protexida en solos dotacionais, en vigor desde o 1 de xaneiro

Lembrou que a Xunta leva case dous anos esperando a que o Concello de Santiago ceda as parcelas comprometidas para a construción de máis vivenda pública

Destacou que o Goberno galego entregará este mesmo ano un total de 60 vivendas públicas en Lamas de Abade e O Castiñeiriño

A Xunta tamén traballa no desenvolvemento de solo residencial onde construír en Mallou 3.400 novas vivendas, coa colaboración de promotores e cooperativistas

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2025

A Xunta licita a redacción do proxecto para construír 36 vivendas públicas en Volta do Castro, en Santiago, que suporán un investimento total de 7M€.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, detallou esta actuación, que hoxe recolle a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia e establece como prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 20 de febreiro.

Allegue explicou que esta intervención se impulsa ao abeiro da modificación normativa que está en vigor dende este 1 de xaneiro e permite a construción de vivenda protexida en solos dotacionais, como este de Volta do Castro, que é de titularidade autonómica.

Lembrou que a Xunta leva case dous anos esperando a que o Concello de Santiago ceda as parcelas comprometidas para a construción de máis vivenda pública. Neste sentido, instou á Administración local a axilizar este compromiso, de igual xeito que outros municipios como A Coruña, Lugo ou Pontevedra. Ante esta demora e dada a necesidade de facilitar o acceso da cidadanía á vivenda na capital galega, sinalou que a Xunta impulsa a citada intervención grazas á modificación normativa activada.

Destacou que estas vivendas en Volta do Castro se sumarán a outras xa en marcha como as de Lamas de Abade e O Castiñeriño, un total de 60 fogares que serán entregados este ano. Recordou que tamén está en redacción o proxecto para os aloxamentos compartidos para a mocidade na zona de Xoán XXIII, en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Subliñou que a Xunta tamén está a traballar no desenvolvemento de solo residencial para habilitar máis parcelas onde poder construír en Mallou 3.400 novas vivendas, coa colaboración de promotores e cooperativistas.