A Xunta licita a redacción do proxecto para construír 264 novas vivendas públicas en Xuxán, que suporán un investimento de 50M€

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe esta licitación por máis de 1,6M€, cun prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 27 de febreiro

Allegue subliñou que con esta nova promoción, a Xunta xa ten 476 vivendas de promoción pública en distintas fases de execución na cidade da Coruña

O Goberno galego tamén adxudicou provisionalmente esta mañá 40 vivendas públicas que a Xunta está a construír en Xuxán

A Coruña, 16 de xaneiro de 2026

A Xunta licita a redacción do proxecto para construír 264 novas vivendas públicas en Xuxán, que suporán un investimento de 50M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, informou desta  licitación.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación da redacción do proxecto e dirección de obra destas vivendas, por máis de 1,6M€, e establece un prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 27 de febreiro.

Allegue indicou que estas novas vivendas se desenvolverán nunha parcela propiedade da Xunta, que inicialmente estaba destinada a usos terciarios pero que, a instancias do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) se destinará á construción de fogares, unha vez rematada a modificación puntual do PXOM por parte do Concello.

Fixo fincapé en que con esta promoción, a Xunta xa ten 476 vivendas de promoción pública en distintas fases de execución na cidade da Coruña. Detallou que son 368 en parcelas propias da Xunta en Xuxán, das que 40 xa se sortearon hoxe; 101 en parcelas cedidas polo Concello; e 7 ao abeiro do programa Rexurbe.

 Neste sentido, a conselleira asistiu previamente ao sorteo desas 40 vivendas de promoción pública que a Xunta está a construír tamén no barrio de Xuxán.