Escoitar
A Xunta licita a redacción do proxecto e as obras de construción de 34 vivendas públicas na avenida Syra Alonso, en Santiago, cun investimento autonómico de máis de 7 M€
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle nun mesmo bloque a redacción, dirección e obras para axilizar esta actuación e o prazo de presentación de ofertas remata o 3 de setembro
Allegue sinalou que nesta intervención se empregarán técnicas industrializadas, cuxo uso suporá o 25% da puntuación na adxudicación
Sinalou que se construirán dous novos bloques, na avenida Syra Alonso 7 e 5, cada un con 17 vivendas públicas
Recordou que tamén están a piques de rematar as obras das novas vivendas públicas no Castiñeiriño e en Lamas de Abade
Lembrou que das vivendas que está a construír a Xunta, nas que se adxudiquen en alugueiro, alomenos o 40% se dirixirán a menores de 36 anos, e en compra, o 30%
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2026
A Xunta licita a redacción do proxecto e as obras de construción de 34 vivendas públicas na avenida Syra Alonso, en Santiago, cun investimento autonómico de máis de 7M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, firmou esta mañá coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, o convenio polo que o Concello cede de balde á Xunta dúas parcelas para constuír as citadas vivendas.
Allegue lembrou que Santiago de Compostela se suma así aos outros 16 municipios de Galicia que xa cederon terreos de balde á Xunta para construír vivenda pública.
Explicou que para axilizar esta intervención en Santiago, a Xunta licita hoxe no mesmo contrato a redacción do proxecto, a dirección e a execución das obras. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta publicación e establece un prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 3 de setembro.
Sinalou que nesta actuación se empregarán técnicas industrializadas, polo que o contrato recolle que o uso deste sistema supón ata o 25% da puntuación na adxudicación. Salientou que este sistema non só permite reducir prazos, senón que tamén mellora a calidade da construción, é máis eficiente e sostible e aporta maior seguridade laboral.
No caso desta intervención en Santiago, trátase de dous novos bloques, un de 17 vivendas na avenida Syra Alonso 7; e outro para outras 17 no número 5 da mesma avenida.
Máis vivendas en Santiago
Ademais lembrou que na cidade de Santiago están a piques de rematar as obras das novas vivendas públicas no Castiñeiriño e en Lamas de Abade.
Engadiu que tamén se está redactando o proxecto para acadar 60 aloxamentos xuvenís en Xoán XXIII, dirixidos a favorecer a emancipación da mocidade.
Detallou que tamén está en marcha o concurso de ideas para construír 244 vivendas públicas en Salgueiriños. Sinalou que se presentaron 39 propostas e se están avaliando.
Ademais estase a desenvolver solo residencial, co PIA no ámbito de Mallou para impulsar a construción de 3.609 vivendas, o 80% protexidas.
Por outra parte, a conselleira recordou que para que máis persoas poidan acceder ás vivendas públicas, a Xunta aumentou os límites de ingresos máximos. Concretou que de todas as vivendas que se están construíndo en Santiago, das que se adxudiquen en alugueiro, alomenos un 40% se dirixirán a menores de 36 anos, e no caso de compra, o 30%.