A Xunta licita por un investimento de máis de 258.000 € as obras de rehabilitación da área recreativa da Peneda, no concello de Monterroso

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación deste contrato, establecendo un prazo de presentación de ofertas que remata o vindeiro 29 de outubro

Esta intervención, cun orzamento global de 295.000€, enmárcase nun convenio de colaboración entre a Xunta,  que cofinanciará nun 70% as actuacións e as executará; e o Concello de Monterroso, que aportará o 30% restante 

Acondicionarase a cafetería desta área, mellorando a súa envolvente térmica e modernizando as instalacións e os acabados 

Tamén se levarán a cabo traballos de urbanización dos accesos peonís nesta contorna 

As actuacións impúlsanse ao abeiro do Plan Hurbe, promovido polo Goberno galego co fin de axudar aos concellos a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2024

A Xunta vén de licitar por un investimento de máis de 258.000€ as obras de rehabilitación da área recreativa da Peneda, no Concello de Monterroso.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación deste contrato, establecendo un prazo de presentación de ofertas que remata o vindeiro 29 de outubro.

Esta intervención enmárcase nun convenio de colaboración entre o Goberno galego,  que cofinanciará nun 70% as actuacións previstas, contratará e executará as obras; e o Concello de Monterroso, que aportará o 30% restante. Así, o orzamento global do proxecto ascende a 295.000€.

Na actualidade a cafetería da área recreativa da Peneda está en uso, pero non dispón de elementos exteriores de sombra e elementos prefabricados adecuados á contorna, tanto pola súa cor como polo seu deseño e material. Ademais, o acceso peonil atópase moi deteriorado, presentado desniveis e irregularidades que dificultan a accesibilidade; e a zona exterior de aparcamento tampouco está acondicionada.

Coas obras previstas,  procederase á rehabilitación da cafetería, na que se pretende mellorar a súa envolvente térmica e realizar pequenos axustes na distribución interior, modernizando as instalacións e os acabados. Así mesmo, está proxectada a instalación dunha pérgola e unha pequena construción de uso estacional no espazo anexo á edificación. Tamén se prevé a urbanización dos accesos peonís.

As actuacións impúlsanse ao abeiro do Plan Hurbe, promovido polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, e neste caso o obxectivo é mellorar as condicións de confort dos usuarios da área recreativa, así como as súas condicións de funcionalidade e integración paisaxística.