A Xunta licita por preto de 2,3 M€ as obras de rehabilitación de 6 vivendas para alugueiro accesible con preferencia a menores de 36 anos en Ribadeo
Trátase de acondicionar dous inmobles situados nas rúas Bispo Veres 2 e 4 e Trinidade 32, adquiridos pola Xunta co obxectivo de recuperar patrimonio edificado, revitalizar o casco histórico e favorecer a chegada de novas familias
O prazo para a presentación de ofertas remata o vindeiro 19 de febreiro
Estas 6 vivendas terán a cualificación pública de carácter permanente, tendo preferencia a mocidade na adxudicación destes fogares, no obxectivo de fomentar e facilitar a súa emancipación e o acceso no municipio aos mesmos
Ribadeo (Lugo), 14 de xaneiro de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, informou hoxe en Ribadeo da licitación por preto de 2,3 M€ das obras de rehabilitación de tres inmobles que a Xunta impulsa ao abeiro do programa Rexurbe. Trátase de acadar 6 vivendas de promoción pública no casco histórico da vila, que irán destinadas a alugueiro accesible e con preferencia a menores de 36 anos, inscritos no rexistro de demandantes de vivenda no municipio.
O prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas remata o vindeiro 19 de febreiro.
As actuacións enmárcanse no programa Rexurbe, a través do cal se adquiriron no ano 2022 tres inmobles situados na rúa Bispo Veres números 2 e 4 e na rúa Trinidade número 32, cun investimento próximo aos 150.000 euros. Segundo indicou a conselleira, trátase de edificios que forman parte do patrimonio construído e da historia de Ribadeo, pero que na actualidade están deteriorados.
En palabras de María M. Allegue, serán seis vivendas de promoción pública que terán a cualificación pública de carácter permanente. As mesmas serán adxudicadas en réxime de alugueiro a inscritos no rexistro de demandantes deste concello, coa peculiaridade de que terán preferencia nesta adxudicación os menores de 36 anos, “porque queremos fomentar que a mocidade teña máis facilidades de emancipación e de acceder a estas vivendas”. subliñou.
A titular de Vivenda destacou tamén o novo avance que supón esta licitación na estratexia da Xunta de recuperación do patrimonio edificado e revitalización urbana, sendo o obxectivo da intervención da Xunta darlle unha nova vida a estes edificios, conservando a súa esencia arquitectónica de Ribadeo, contribuíndo á revitalización do casco histórico, enchelos de novas familias residindo e ao impulso do pequeno comercio e mellorando.
As catro vivendas que se rehabilitarán nos inmobles da rúa Bispo Veres 2 e 4 estarán situadas nun edificio con protección patrimonial integral, xa que un deles formaba parte da antiga muralla medieval da cidade, datada no século XIII. Son edificios xustapostos que compartirán zonas comúns, respectando as conexións orixinais existentes entre eles.
As obras executaranse con especial coidado na conservación de elementos funcionais e decorativos, como recercados e tornachoivas, na reprodución da cuberta orixinal e no uso de pizarra do país para o tellado, criterios que tamén se aplicarán ao inmoble da rúa Trinidade número 32.
Compromiso da Xunta con Ribadeo
O Goberno galego mantén firme o seu compromiso coa rehabilitación urbana en Ribadeo, que conta cunha Área Rexurbe declarada o 29 de decembro de 2021 e cun convenio asinado o 17 de xuño de 2024, dotado con preto de 115.000 euros, para a mellora de diferentes ámbitos do casco antigo.
Ademais, Ribadeo dispón de dúas áreas de rehabilitación, no casco vello da vila e no núcleo de Rinlo, cun orzamento conxunto superior aos 700.000 euros para a renovación de vivendas. A Xunta tamén apoiou a 15 veciños con preto de 150.000 euros para a compra de vivenda no centro histórico a través da liña de axudas para concellos de menos de 10.000 habitantes, e destinou 450.000 euros en axudas a nivel barrio para melloras de accesibilidade e eficiencia enerxética en Rinlo e no centro histórico.
O departamento que dirixe María M. Allegue xa está a traballar de maneira coordinada co Concello de Ribadeo tamén en materia de urbanismo e infraestruturas.