A Xunta licita por máis dun millón de euros un inmoble do século XIX do centro histórico de Tui que albergará tres novas vivendas para alugueiro para menores de 36 anos
M. Allegue puxo en valor o inmoble, do século XIX, no que a Xunta investirá preto de 1,2M€, dos que a Xunta aporta máis de 1M€ e 150.000€ son fondos europeos, que se destinará a alugueiro accesible para menores de 36 anos
Esta actuación forma parte da licitación das obras de rehabilitación de 8 edificios en Tui, Viveiro, Ourense, Ribadavia e A Coruña, cun investimento de máis de 8,23M€, dos que 793.389€ corresponden a fondos europeos
Allegue animou ao sector a participar e presentar ofertas ata o 6 de marzo
A Xunta está a rehabilitar 4 inmobles en total na localidade, que se atopan en diferentes estados de licitación
A conselleira anunciou a sinatura do convenio co concello de Tui para impulsar a o Centro de rexeneración urbana de interese autonómico municipal, que xestionará as actuacións da Área Rexurbe da localidade
Tui (Pontevedra), 19 de febreiro de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou un inmoble na rúa Bispo Castañón 20 de Tui co que se proxecta obter 3 vivendas no marco do programa Rexurbe. Esta actuación forma parte da licitación das obras de rehabilitación de 8 edificios cun total de 25 vivendas en Tui, Viveiro, Ourense, Ribadavia e A Coruña, cun investimento de máis de 8,23M€, dos que 793.389€ corresponden a fondos da Unión Europea a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Allegue animou ao sector a participar e recordou que se poderán presentar ofertas ata o 6 de marzo de 2025.
M. Allegue destacou que as actuacións enmárcanse no Programa Rexurbe, “co que rehabilitamos edificios para, por un lado, incrementar a oferta de vivenda, e por outro lado, devolver a vida aos cascos históricos das nosas vilas e cidades”.
O inmoble da rúa Bispo Castañón disporá de 3 vivendas de 3 dormitorios, cunha superficie útil dende os 89,46 m2 ata os 101,40 m2 e pasará a formar parte do parque público, neste caso, para aluguer accesible para menores de 36 anos. Este novo edificio, polo tanto, forma parte das actuacións da Xunta dentro do compromiso adquirido nesta lexislatura para facilitar o acceso á vivenda aos máis novos.
A Xunta de Galicia está a licitar tamén en Tui o contrato para a redacción dos proxectos e dirección de obra de tres rehabilitacións máis ao abeiro do programa Rexurbe, na rúa San Telmo 44, rúa Lorenzo Cuenca 42 e na rúa Lorenzo Cuenca 18, que recibiron 8 ofertas e que se adxudicarán nas próximas semanas.
Con estas licitacións enmarcadas no Programa Rexurbe, a Xunta suma fogares co obxectivo de duplicar o parque público nesta lexislatura, xa que as vivendas obtidas terán cualificación de promoción pública.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas tamén anunciou a firma do convenio co concello de Tui para impulsar o Centro de rexeneración urbana de interese autonómico municipal, que centrará as actuacións dentro da Área Rexurbe, cun investimento de máis de 150.000€ ata 2026. Allegue salientou que o obxectivo é continuar a mellorar o patrimonio do conxunto histórico de Tui, xestionar achegas, realizar actuacións urbanísticas que melloren a calidade do espazo público ou potenciar a memoria urbana.