A Xunta licita por máis de 900.000 € a redacción dos proxectos para a construción de 116 vivendas de promoción pública no polígono do Bertón, en Ferrol

Redactaranse os proxectos de dous bloques de 58 vivendas cada un, que se construirán nas parcelas 14 e 15 urbanizadas pola Xunta

As empresas interesadas nestes contratos poden presentar as súas ofertas ata o 11 de novembro

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitou os contratos para a redacción dos proxectos e dirección de obras para a construción de 116 vivendas de promoción pública nas parcelas 14 e 15 do polígono do Bertón, en Ferrol, ás que se destina un investimento de 913.575,20 euros.

As empresas interesadas nestes contratos poden presentar ofertas ata o vindeiro día 11 de novembro.

Licítase a redacción dos proxectos de dous bloques de 58 vivendas cada un, cun total de 116 vivendas, nestas parcelas urbanizadas pola Xunta.

O primeiro lote destes novos contratos diríxese á contratación da redacción de proxecto de 58 vivendas de promoción pública na parcela 14, de 1.935 m2, por un importe de 460.617 euros.

O lote segundo centrase na licitación da redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra doutras 58 vivendas de promoción pública, na parcela 15, de 1.882 m2, por un de 452.957 euros.

A Xunta xa ten licitada a redacción dos proxectos doutras 178 vivendas de promoción pública que se construirán no Bertón.

Dese total, no pasado mes de agosto adxudicouse a redacción dos proxectos de 54 vivendas, que se construirán en dúas parcelas de 27 cada unha. E o pasado 16 de setembro licitouse a redacción dos proxectos doutras 124 vivendas, que se construirán en dúas parcelas de 75 e 49 vivendas respectivamente.