A Xunta licita por máis de 660.000 euros a redacción do proxecto para construír 78 vivendas públicas en Agriños, no concello de Ames

Trátase da redacción de proxecto e dirección de obra para estas vivendas, que se construirán na parcela 1(S-15) da rúa Agriños cedida polo Concello, e cuxa execución suporá un investimento de máis de 14,8 M€

O prazo de presentación de ofertas rematará o vindeiro 5 de setembro

O Goberno galego, mantén o ritmo de traballo no obxectivo  de acadar o reto de chegar ás 4.000 novas vivendas protexidas nesta lexislatura, tendo xa en marcha neste momento, máis de 2.800 vivendas en distintas fases de execución 

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), vén de licitar por importe de 662.274 euros, o contrato da redacción do proxectos básico e de execución e dirección de obra para a construción de 78 vivendas de promoción pública en solo cedido polo Concello de Ames, na zona de Agriños.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta contratación, que establece un prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 5 de setembro. Os adxudicatarios terán 5 meses para a elaboración dos proxectos.

Trátase de construír 78 vivendas protexidas, garaxes e rochos na parcela 1(S-15) da Rúa Agriños, que ten unha superficie de 1.725 metros cadrados, e foi cedida gratuitamente polo administración local. O investimento estimado na execución das obras superará os 14,8 M€.

En conxunto, o obxectivo do Executivo autonómico é sumar 218 novas vivendas de promoción pública neste municipio coruñés, estas 78 na rúa de Agriños, e outras 140 vivendas protexidas en Galdrachán, tamén en solo cedido polo Concello.

En conxunto, Galicia ten en marcha máis de 2.800 vivendas públicas en diferentes fases de execución. O obxectivo marcado polo Goberno galego nesta lexislatura é pasar das 4.000 ás 8.000 vivendas de promoción pública.