A Xunta licita por máis de 3,1 M€ a execución das obras de 14 novas vivendas de promoción pública no barrio coruñés de Xuxán
Trátase de construír un edificio de nova planta para destinalo a vivendas de 2 dormitorios, con 22 prazas de aparcamento e 14 rochos
O edificio consta dunha planta de soto, planta baixa e dúas plantas altas, realizándose o acceso ao portal desde a rúa Milagros Rey Home
As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o vindeiro 21 de novembro para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2024
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitou hoxe a contratación das obras para executar 14 novas vivendas de promoción pública (VPP) no barrio coruñés de Xuxán.
O contrato, licitado por un importe de 3.139.241 euros, permitirá a execución dun edificio de nova planta na parcela Z-06 de Xuxán, para destinalo a 14 vivendas, de 2 dormitorios, cunha superficie útil de entre 65,83 m2 e 79,52 m2. Ademais disporá de 22 prazas de aparcamento e 14 rochos.
As empresas interesadas neste contrato poden presentar ofertas ata o vindeiro día 21 de novembro.
O edificio
Baixo este contrato, trátase de executar un edificio, que consta dunha planta de soto, planta baixa e dúas plantas altas. O acceso ao portal realízase desde a rúa Milagros Rey Home.
En canto á organización do inmoble, na planta baixa atopase o portal onde se sitúa o núcleo de ascensor e escaleiras, que comunican entre si as distintas plantas, así como os cuartos de contadores das instalacións de electricidade e fontanería. O resto de planta baixa ocúpano 4 vivendas. No exterior atópanse un espazo aberto pavimentado.
Nas dúas plantas altas atópanse as 10 vivendas restantes.
Na planta soto organízase o garaxe comunitario, coas 22 prazas de aparcamento, os cuartos de instalacións e os 14 rochos. O acceso ao soto realízase desde a mesma rúa que o portal.
En planta de cuberta sitúanse un cuarto de instalacións, así como unha zona transitable para mantemento e conservación da mesma.
Con esta nova contratación, o número de VPP executadas ou en execución neste barrio da Coruña acadan as 144, das que 40 xa foron entregadas aos adxudicatarios.