A Xunta licita por 5,3 M€ a senda peonil e ciclista ao longo de 14km da estrada PO-325 entre Vigo e Nigrán

A Administración autonómica habilitará este itinerario ao longo da estrada PO-325, desde a contorna de Navia ata a entrada no núcleo urbano de Nigrán

Allegue subliñou que a intervención permitirá habilitar dun eixo de mobilidade sostible, reformulando e completando a senda existente para acadar un itinerario de 3 metros de ancho e con outras actuacións que reforzarán a seguridade viaria

A intervención contempla a mellora de cruces, nova sinalización e iluminación, a reorganización de espazos e mellora de pavimentos, a habilitación de zonas de descanso ou a habilitación de tres áreas de transferencia para aparcar o coche e continuar o paseo en bicicleta

Tamén se habilitarán dúas glorietas para reforzar a seguridade na contorna de Coruxo e no cruce de Monte Lourido

A intervención cofinanciarase con fondos europeos FEDER e terá un prazo de execución de 18 meses

As empresas poderán presentar ofertas ata o 1 de xullo e o prazo de execución previsto é de 18 meses

Vigo, 5 de xuño de 2026

A Xunta licita por 5,3M€ a senda peonil e ciclista ao longo de 14,14 quilómetros da estrada autonómica PO-325 entre Vigo e Nigrán. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, anunciou hoxe esta actuación, que se cofinanciará con fondos europeos FEDER.

Allegue subliñou que a intervención permitirá habilitar dun eixo de mobilidade sostible ao longo deste viario autonómico, reformulando e completando a senda existente e coa inclusión tamén outras actuacións que reforzarán a seguridade viaria ao longo do percorrido.

Destacou que se trata dunha actuación para “seguir avanzando no eido da mobilidade segura, sostible e saudable”. Coa actuación prevista, acadarase unha senda continua de 3m de ancho e uso compartido peonil e ciclista que arrancará na contorna do barrio de Navia e se prolongará ata o núcleo urbano de Nigrán, conectando zonas como Coruxo, Oia, Saiáns, Priegue, Panxón, Patos, Praia América ou A Ramallosa.

O itinerario beneficiará, como subliñou a conselleira, a unha poboación de máis de 300.000 persoas e tamén, como subliñou a conselleira, aos numerosos visitantes e peregrinos da ruta do Camiño Portugués pola Costa.

A intervención contempla ademais outras actuacións como a mellora de cruces, nova sinalización e iluminación, a reorganización de espazos e mellora dos pavimentos, a habilitación de zonas de descanso con mobiliario urbano, aparcabicicletas ou a habilitación de tres áreas de transferencia nas que aparcar o coche e continuar o paseo en bicicleta.

Así mesmo, prevense dúas novas glorietas para reforzar a seguridade, unha no punto quilométrico 2+550 en Vigo, preto de Coruxo e a outra no cruce de Monte Lourido, entre Praia América e A Ramallosa, á altura do punto quilométrico 14+650.

As empresas poderán presentar ofertas para a habilitación desta senda ata o 1 de xullo e o prazo previsto de execución é de 18 meses.