A Xunta licita por 4,3 M€ as obras de construción de 24 novas vivendas públicas na rúa Angelo Colocci en Lugo

As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 26 de outubro

O novo inmoble contará con vivendas de 1, 2, 3 e 4 dormitorios, todas con garaxe e rocho

Allegue recorda que a Xunta tamén está a avanzar no proxecto para construír 50 aloxamentos na rúa Illa Coelleira, e están en proceso de adxudicación 59 vivendas públicas en Paradai

Lembra que a semana pasada se licitaron as obras de 168 vivendas públicas en Garabolos, por 30M€ e véñense de adxudicar outras 152 tamén neste barrio

Fai fincapé na aposta da Xunta pola vivenda pública en Lugo, pois están en marcha un total de 615, máis de 120M€ de investimento para facilitar o acceso á vivenda

Lugo, 9 de setembro de 2026

A Xunta licitou hoxe por 4,3M€ as obras de construción de 24 novas vivendas públicas na rúa Angelo Colocci en Lugo. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, deu conta hoxe desta actuación.

Allegue explicou que o luns o Consello da Xunta autorizaba a licitación destas obras e hoxe a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia xa a publica, establecendo que as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 26 de outubro.

Este edificio contará con 24 vivendas de 1, 2, 3 e 4 dormitorios, todas con garaxe e rocho. Ademais o inmoble terá un fogar adaptado para persoas con mobilidade reducida.

A conselleira detallou que “serán fogares cunha construción de calidade, accesibles, luminosos e eficientes enerxeticamente, e con ventilación natural nas dúas fachadas ”.

Fixo fincapé na aposta da Xunta pola vivenda pública en Lugo, están en marcha 615 vivendas públicas, máis de 120M€ de investimento para facilitar o acceso á vivenda

Lembrou que a semana pasada se licitaron as obras de 168 vivendas públicas en Garabolos, por 30M€; e se veñen de adxudicar as obras para outras 152 tamén neste barrio.

E ademais destas vivendas de Angelo Colocci, tamén se está a avanzar no proxecto para construír 50 aloxamentos na rúa Illa Coelleira, e están en proceso de adxudicación outras 59 vivendas públicas en Paradai.

A Xunta segue a avanzar no compromiso de duplicar o parque público residencial en Galicia, con 4.000 vivendas públicas en marcha e a previsión de acadar as 8.000 antes do remate de 2028, que serán 10.000 no 2030, como prevé o novo Pacto de Vivenda.