A Xunta licita por 200.000 € a redacción dos proxectos para converter locais en 18 vivendas, 4 delas en Valdecorvos

Xunto aos de Pontevedra, a Administración autonómica saca a concurso a redacción de proxectos para a conversión doutros locais da súa propiedade en Narón e Ourense

M. Allegue subliña que a conversión destes baixos en vivendas enmárcase na aposta da Xunta por seguir a ampliar a oferta residencial pública e con arranxo á simplificación desta opción contemplada nas medidas da lei de acompañamento dos Orzamentos 2025

A Xunta segue a avanzar co Concello na cesión de solo urbano e urbanizable para facilitar a construción de máis vivenda protexida

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas deu conta do próximo inicio das obras da senda entre Mollavao e Os Praceres, cun investimento de 6,3M€, e da mellora da seguridade viaria en Campañó, á que se destinan máis de 862.000€

M. Allegue recalcou o compromiso da Xunta con Pontevedra, reflectido nos orzamentos para o vindeiro ano, que no caso da Consellería destinan á provincia 71M€ para a construción de vivenda pública e desenvolvemento de solo residencial e 80,3M€ ás infraestruturas

Pontevedra, 26 de outubro de 2024

A Xunta de Galicia vén de licitar a redacción dos proxectos para habilitar catro vivendas de promoción pública en dous baixos propiedade da Administración autonómica no barrio pontevedrés de Valdecorvos. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe os locais e subliñou que xunto a outros en Narón e Ourense son os primeiros que a Xunta reformará para habilitar 18 vivendas de promoción pública.

Como destacou a conselleira, a conversión destes baixos en vivendas enmárcase na aposta da Xunta por seguir a ampliar a oferta residencial pública e con arranxo á simplificación desta opción “contemplada nas medidas da lei de acompañamento dos Orzamentos 2025”. A transformación destes baixos nas tres cidades, que no caso dos de Pontevedra nunca chegaron a ter outro uso, sae a licitación por un prezo que suma case 200.000€ (198.258€) e as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 9 de decembro. 

M. Allegue lembrou que en Valdecorvos a Xunta ten en marcha neste momento 178 vivendas de promoción pública. Dunha banda, estanse a construír 74 vivendas e proximamente adxudicarase a redacción dos proxectos para edificar outras 104 vpp en dous inmobles, para as que se presentaron 33 ofertas. 

Ademais, a conselleira quixo destacar que a Xunta está a avanzar co Concello de Pontevedra na cesión de solo urbano e urbanizable para desenvolver máis vivenda protexida, no marco da Estratexia de Solo Residencial que impulsa a Administración autonómica. 

No caso dos solos urbanos, indicou que a Xunta está a tramitar a formalización do procedemento de cesión das tres parcelas que propuxo o Concello nas zonas de Tafisa, Valdecorvos e as Devesas (A Parda), mentres que no que atinxe aos solos urbanizables, a Xunta encargou estudos de viabilidade de dous solos na zona de San Mauro, que permitirían a creación de ao redor de 1.500 vivendas. “A cooperación cos concellos é fundamental dentro desta estratexia de solo residencial que estamos a abordar desde a Xunta s e quero agradecer a colaboración do Concello de Pontevedra neste eido”, destacou.

Inicio obras senda Mollavao e Campañó

A conselleira quixo tamén anunciar que proximamente a Xunta iniciará as obras da senda peonil entre Mollavao-Os Praceres, ao longo da estrada vella de Marín, na que inviste 6,3M€ e a mellora da seguridade viaria na PO-531 en Campañó, á que se destinan máis de 862.000€.

Orzamentos 

M. Allegue subliñou “o firme compromiso da Xunta con esta cidade de Pontevedra e coa provincia”, reflectido nos orzamentos da Administración autonómica para 2025. No caso da provincia, o orzamento da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas sube de 132,6 a 180,5M€, cun investimento de 190,6€ por habitante.

Desa cifra global, 71M€ van destinados á construción de vivenda pública e ao desenvolvemento de solo residencial e 80,3M€ ás Infraestruturas. E dentro deste último eido, a seguridade viaria e a conservación das estradas autonómicas ten unha consignación de máis de 29M€.

Por outra banda, no concello de Pontevedra, o investimento da consellería é de 22,81M€, no que a construción de vivenda de promoción publica sumará 9,36 M€ e 680.000€ en desenvolvemento de solo residencial.