A Xunta licita por 1,1M€ a redacción dos proxectos para 178 vivendas de promoción pública no polígono 2 de Navia
María M. Allegue adiantou que a Xunta convocará un concurso público para adxudicar parcelas en Navia en compravenda ou dereito de superficie
Subliñou que a Xunta desenvolverá en Navia 1.600 vivendas, das que 656 de promoción pública xa están en marcha ou previstas
Recordou que o Consello da Xunta autorizou onte a licitación da redacción dos proxectos para outras 68 vivendas de promoción pública no polígono 2, por 637.000€; e no polígono 3 prevese a execución de 147 vivendas protexidas
Lembrou que ata o 31 de outubro está aberta a convocatoria das axudas para promotores, cun investimento de 14,7M€, para construír inmobles de vivendas de alugueiro accesible
Destacou que a Estratexia Galega de Solo Residencial proxecta para a área urbana de Vigo 9.200 vivendas, das que 7.360 serán protexidas
Subliñou que os Orzamentos da Xunta para 2025 triplican as partidas destinadas a vivenda, o que permitirá avanzar no gran reto desta lexislatura, que é chegar ás 8.000 vivendas protexidas, das que máis de 1.500 están en execución
Vigo, 15 de outubro de 2024
A Xunta vén de licitar hoxe por 1,1M€ a redacción dos proxectos para construír 178 vivendas de promoción pública no polígono 2 de San Paio de Navia, en Vigo.
Así o avanzou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que mantivo esta tarde en Vigo, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, un encontro con representantes do sector da construción, promoción e cooperativismo.
María M. Allegue subliñou a aposta do Goberno galego pola vivenda en Vigo, que é a cidade galega con máis demandantes de vivenda rexistrados, ascendendo a máis de 5.700. Neste sentido, para dar resposta ás necesidades dos cidadáns, a Xunta vai desenvolver en Navia 1.600 vivendas, das que 656 de promoción pública xa están en marcha ou previstas.
Detallou que no polígono 1 de Navia, constan 733 vivendas, das que 359 son de promoción pública e xa están en marcha.
No polígono 2, proxéctanse 719 vivendas, das que boa parte serán de promoción pública, como o caso das redaccións de proxectos licitados hoxe para 178 vivendas. Cómpre sinalar que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia xa recolle esta contratación, cuxo prazo de presentación de ofertas finalizará o 29 de novembro.
A conselleira recordou que no marco deste mesmo polígono, onte o Consello da Xunta autorizou a licitación da redacción dos proxectos para 68 vivendas de promoción pública, por 637.000€.
En relación ao polígono 3, a responsable autonómica indicou que se prevé a execución de 147 vivendas protexidas.
Concurso de parcelas
Ademais a conselleira remarcou que a Xunta convocará un concurso público para adxudicar parcelas en Navia en compravenda ou dereito de superficie. Lembrou que xa está en marcha outro concurso para adxudicar 2 parcelas no polígono de Bertón, en Ferrol.
María M. Allegue tamén lembrou que ata o 31 de outubro está aberta a convocatoria das axudas para promotores, cun investimento de 14,7M€, para construír inmobles de vivendas de alugueiro accesible.
Tamén puxo o acento noutro obxectivo da Xunta, que é a Estratexia Galega de Solo Residencial, coa que se prevé facilitar solo para desenvolver outras 25.000 vivendas na comunidade, 20.000 delas protexidas e 5.000 libres.
Concretou que esta estratexia proxecta para a área urbana de Vigo 9.200 vivendas, das que 7.360 serán protexidas. Na actualidade, a Xunta está a analizar co Concello os ámbitos onde desenvolver vivenda protexida, polo que se agarda contar axiña cos resultados dos estudos.
Fixo fincapé na aposta da Xunta pola vivenda, ao triplicar nos Orzamentos de 2025 as partidas destinadas a esta materia. Este incremento permitirá avanzar no gran reto desta lexislatura, que é chegar ás 8.000 vivendas protexidas, das que máis de 1.500 están en execución. Salientou a importancia da colaboración público-privada, que é fundamental para acadar este fito.