Escoitar
A Xunta licita os sete primeiros contratos para a redacción dos proxectos de urbanización de solo para vivenda, fundamentalmente protexida
O titular do Executivo galego destaca que o importe de licitación deste contrato supera os 6,36 M€
Trátase da redacción dos proxectos de urbanización dos primeiros sete PIAs aprobados para a dotación de solo residencial para esta novas vivendas
Sinala que con esta licitación a Xunta avanza no compromiso de urbanizar solo para 25.000 vivendas, das que 20.000 serán protexidas
O Goberno galego é pioneiro en empregar esta figura dos Proxectos de Interese Autonómico para axilizar prazos para que estes fogares sexan unha realidade canto antes
Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello da Xunta autorizou a licitación dos contratos para a redacción dos proxectos de urbanización dos sete Proxectos de Interese Autonómico (PIA) “que xa teñen aprobación inicial”. O importe de licitación do contrato será de 6.366.604,24 euros.
Tal e como detallou o presidente, o contrato inclúe os seguintes sete lotes:
- Lote 1. Santiago de Compostela. Mallou. Previstas 3.609 vivendas
- Lote A Coruña. SUD Monte Mero. Previstas 4.397 vivendas.
- Lote Arteixo. A Baiuca – A Penouqueira. Previstas 160 vivendas.
- Lote Lugo. SR-5 Sagrado Corazón. Previstas 1.265 vivendas
- Lote Ourense. SU1 Escorial-Vinteún. Previstas 1.435 vivendas
- Lote Pontevedra. SB2-Fase II e SB5 (San Mauro). Previstas 2.010 vivendas
- Lote Vigo. SUB 405 Ofimático. Previstas 2.000 vivendas
Rueda sinalou que, en total, nos sete PIAs para os que se licita a redacción do proxecto de urbanización aloxarán 14.876 vivendas. En todos os ámbitos, do total das vivendas construídas “o 80 por cento das vivendas van ser protexidas” e o 20 por cento restante libres.
A Xunta licitará esta mesma semana este contrato, contando os interesado nestes lotes cun prazo dun mes para a presentación de ofertas. Rueda afirmou que o obxectivo é que as obras de urbanización “se poidan licitar en 2027”, unha vez aprobados os proxectos e adquiridos os terreos.
Ademais destes sete PIAs a Xunta traballa noutros seis emprazados, outro máis en Vigo, xunto cos de Vilagarcía de Arousa, Marín, O Porriño, Ribadeo e Cangas.
Estes PIAs forman parte da Estratexia Galega de Solo Residencial a desenvolver nas grandes cidades, no seu entorno e en zonas de alta demanda, para a construción de 25.000 vivendas, das que 20.000 serán protexidas.
O Goberno galego é pioneiro en empregar esta figura dos Proxectos de Interese Autonómico para axilizar prazos para que estes fogares sexan unha realidade canto antes.
Deste xeito, a Xunta ten en marcha 13 PIA en 12 concellos no que vai de lexislatura: Lugo, Vigo (son 2), Arteixo, Pontevedra, Ourense, A Coruña, Santiago de Compostela, Marín, O Porriño, Vilagarcía de Arousa, Ribadeo e Cangas.