A Xunta licita as obras de mellora dos espazos públicos dos núcleos de Meda e Lamalonga, no concello da Veiga, por 150.000 euros

A actuación enmárcase no Plan Hurbe e permitirá a creación dun un parque infantil e unha zona de estancia para os veciños en cada un destes lugares

As empresas teñen de prazo ata o 22 de xullo para presentar ofertas para a execución destas obras, que teñen un prazo de execución de 4 meses

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2025

A Xunta vén de licitar por 150.000€ as obras de mellora dos espazos públicos dos lugares da Meda e Lamalonga, no concello ourensán da Veiga. A través destes traballos, habilitaranse un parque infantil e unha zona de estancia para os veciños en cada un destes núcleos rurais.

Os traballos enmárcanse no Plan Hurbe, co que a Xunta axuda aos concellos a financiar actuacións singulares que poidan recuperar espazos públicos ou mellorar equipamentos públicos para ofrecerlles máis posibilidades de desfrute á cidadanía.

As empresas teñen de prazo ata o 22 de xullo para presentar ofertas para a execución destas obras, que teñen un prazo de execución de catro meses.

De acordo ao convenio asinado entre Xunta e Concello para colaborar nesta intervención a través do Plan Hurbe, a Administración autonómica asumirá o 70% do investimento da actuació, mentres que o Concello da Veiga aportará o 30% restante.

Ao abeiro do Plan Hurbe, a Xunta segue impulsando a continuada colaboración coas entidades locais para a execución de obras e outras actuacións de mellora de contornos urbanos, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.