Escoitar
A Xunta licita as obras de 78 novas vivendas públicas en Navia, en Vigo, que suporán un investimento de preto de 16,2M€
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe esta licitación e as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 6 de xullo
Trátase de dous inmobles, de 22 e 56 vivendas respectivamente, que albergarán un 42 vivendas de 2 dormitorios, 31 de 3 e 5 de 4 dormitorios
Remarcou o compromiso da Xunta coa vivenda en Vigo e lembrou que en só dous meses, marzo e abril, se licitaron case 300 novos fogares en Navia por 63,6M€
Recordou que esta mesma semana o Consello da Xunta acordou outra licitación de 26 novas vivendas públicas no polígono 2, cun investimento de case 5,6M
Vigo, 29 de maio de 2026
A Xunta licita as obras de 78 novas vivendas públicas en Navia, en Vigo, que suporán un investimento de preto de 16,2M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, deu conta hoxe desta actuación.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe esta licitación e as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 6 de xullo.
Allegue explicou que xa se dispón do proxecto redactado, polo que unha vez licitadas as obras, se avanzará na tramitación para poder inicialas canto antes.
O Goberno galego construirá 78 vivendas públicas no polígono dous de San Paio de Navia, en Vigo, en parcelas urbanizadas pola propia Xunta. Trátase de dous inmobles, de 22 e 56 vivendas respectivamente, que albergarán un total de 42 vivendas de dous dormitorios, 31 de tres dormitorios e cinco de catro dormitorios.
A conselleira subliñou que estes fogares son “accesibles, con todos os estándares de calidade e eficientes enerxeticamente”.