Escoitar
A Xunta licita as obras de 12 novas vivendas públicas na rúa Rei Abdullah, na Coruña, que suporán un investimento de máis de 2,2M€
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe esta licitación e as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 24 de abril
Allegue indicou que as obras terán un prazo de execución de 18 meses, polo que o remate se prevé para finais do vindeiro ano ou comezos do ano 2028
O edificio construirase nunha parcela cedida polo Concello da Coruña e terá baixo e 6 plantas, cunha distribución con espazos comúns e vivendas en altura
Agradeceu a colaboración do Concello, que ademais desta parcela cedeu outras nos Rosais e Pedro Fernández, onde tamén se licitarán obras para máis vivendas
Salientou que a Xunta ten actualmente na Coruña máis de 1.000 vivendas públicas en distintas fases de construción, mobilizando un orzamento de 200M€
A Coruña, 18 de marzo de 2026
A Xunta licita as obras de 12 novas vivendas públicas na rúa Rei Abdullah, na Coruña, que suporán un investimento autonómico de máis de 2,2M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, detallou hoxe esta actuación.
Allegue explicou que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia xa recolle hoxe esta licitación das actuacións na contorna da Praza Porticada e as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 24 de abril.
Indicou que as obras terán un prazo de execución de arredor de 18 meses, polo que o remate se prevé para finais do vindeiro ano ou comezos do ano 2028.
O edificio construirase nunha parcela cedida polo Concello da Coruña e terá baixo e 6 plantas, cunha distribución deseñada para poder combinar espazos comúns e vivendas en altura. A conselleira destacou que “serán uns fogares accesibles e de calidade, un sinal de identidade dos inmobles que está a promover a Xunta”.
Reiterou que “sen solo non se pode construír” e agradeceu a colaboración do Concello da Coruña, que ademais desta parcela na rúa Rei Abdullah, cedeu outras nos Rosais e Pedro Fernández, nas que proximamente tamén se licitarán as obras para edificar máis vivendas públicas.
Lembrou que xa son 6 os municipios que cederon solo á Xunta para construír vivenda pública e convidou á incorporación de máis concellos, xa que “a cooperación é o camiño máis eficaz para continuar sumando fogares para os galegos”.
Puxo en valor a aposta da Xunta pola vivenda na Coruña, cidade na que actualmente hai máis de 1.000 vivendas de promoción pública en distintas fases de construción, mobilizando un orzamento de 200M€.
Recordou como exemplo que aínda o pasado venres o Goberno galego licitou o proxecto e as obras de 264 novas vivendas no barrio de Xuxán.
Esta aposta enmárcase na nosa folla de ruta que segue a Xunta e no novo Pacto de Vivenda, que establece que no 2030 Galicia contará cun parque público residencial de 10.000 vivendas.