A Xunta licita a construción de 24 vivendas de promoción pública no Bertón, en Ferrol, por 6,4 M€

Trátase dun edificio de baixo e tres plantas de altura, con 8 vivendas por planta, que se desenvolverá nunha das parcelas situada na rúa As Constituíntes

As empresas poden presentar ofertas ata o 12 de febreiro de 2025

O Goberno galego segue a avanzar na aposta pola vivenda de promoción pública neste barrio da cidade, que permite ter xa en marcha 363 novas vivendas en Ferrol

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de licitar as obras de construción de 24 vivendas de promoción pública (VPP) no Bertón, no concello de Ferrol, por importe de 6,4M€ (6.437.214€). A Xunta segue a avanzar na aposta pola vivenda de promoción pública neste barrio, que permite ter xa en marcha xa 363 novas vivendas en Ferrol, en distintas fases de desenvolvemento.

O novo edificio obxecto de licitación será un inmoble de baixo e tres plantas de altura que se desenvolverá na rúa As Constituíntes, e ademais das 24 vpp (8 por planta) contará con 70 prazas de garaxe e 24 rochos. En concreto, a parcela en que se situará esta nova edificación ten unha superficie de 1.303 m2, e o ámbito está totalmente urbanizado.

Neste conxunto está incluído, ademais, que 1 vivenda e 1 praza de garaxe sexan adaptadas a persoas con mobilidade reducida.

As empresas poderán presentar ofertas ata o 12 de febreiro.

A Xunta financia as obras nun 81,96% con fondos propios, e o resto corresponde aos fondos da Unión Europea (Plan de recuperación, transformación e resiliencia). A Administración autonómica tamén financia con fondos propios a redacción do proxecto e o resto de traballos técnicos, preto de 190.000 euros, así como o custo da parcela en que se edifican, que foi urbanizada pola Xunta.

Este novo proxecto cumpre o Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. En concreto, teñen en conta as prescricións sobre eficiencia enerxética, consumo de enerxía non renovable, circularidade e xestión de residuos, que se reflicten no dito decreto.

Ademais dos proxectos cofinanciados con fondos MRR, o Goberno galego continúa a traballar en vivendas financiadas exclusivamente con fondos da comunidade autónoma, así como na adquisición de vivendas de promoción pública aos seus propietarios actuais e na compra de vivendas da Sareb.

A Xunta segue desenvolvendo a construción de vivenda de promoción pública nas grandes cidades e na súa área de influencia, e ten xa en marcha na Comunidade máis de 1.600 vivendas de promoción pública, en distintas fases de tramitación e execución, co obxectivo de acadar as 8.000 nesta lexislatura. Isto, ao tempo que se desprega a primeira fase de execución da Estratexia galega de solo residencial, que prevé desenvolver solo para 20.000 vivendas protexidas e 5.000 libres.